Dublín ondeará a ‘senyera’ durante un mes en solidariedade co pobo catalán

A bandeira izarase na Casa do Concello após se aprobar unha moción presentada pola plataforma esquerdista PBP e obter o apoio do Sinn Féin, que ostenta a alcaldía.

concello de dublín

Durante un mes na Casa do Concello de Dublín, a capital de Irlanda, ondeará a bandeira catalá, a ‘senyera’. Un xesto en solidariedade e apoio ao pobo catalán e de rexeitamento e condena da “represión” do Estado español, segundo se explica na moción na que se propoñía izar a bandeira. Presentada pola plataforma PBP [People Before Profit, Xente antes que Beneficios], a moción tivo o apoio de diversos concelleiros independentes e de Sinn Féin, o principal partido no consistorio e ao que pertence o alcalde, Mícheál McDonncha.

McDonncha defendeu o dereito de autodeterminación de Catalunya e recoñece a lexitimidade do Parlament de proclamar a independencia. Os republicanos irlandeses mostraron ao longo destes meses un apoio sen fisuras ao proceso catalán.

En contra da moción votaron as dúas grandes formacións irlandesas do centro-dereita, Fine Gael e Fianna Fail, que consideran que Dublín non se debe “entremeter” no que consideran un asunto interno do Estado español.

Dublín está irmandada con Barcelona. O consistorio da capital irlandesa está composto por 63 concelleiros. A formación con máis representación é o Sinn Féin, con 16 edís, seguido de Fiánna Fáil con 9, Fine Gale con 8 e o Partido Laborista tamén con 8. O PBP –responsábel da moción- ten 6 concelleiros, Os Verdes 3 e o comunista Worker’s Party, un.