Dúas semanas máis de Donald Trump (por agora)

A "insurrección" na sede do Parlamento dos EUA, tal e como a cualificou o presidente electo e xa ratificado Biden, xerou unha fenda no Partido Republicano. Algúns dos seus membros queren que Trump sexa inhabilitado antes de ceder o mando, co que ademais impedirían que se puidese presentar nas presidenciais de 2024.
EuropaPress_3506302_06_january_2021_us_washington_protester_shouts_inside_the_uscapitol_after
photo_camera Un dos participantes no asalto ao Capitolio da pasada cuarta feira (Foto: Miguel Juarez Lugo / ZUMA Wire)

"Como podo describir as miñas emocións ante esta catástrofe, ou como definir a desgraza que con dores e coidados infinitos me esforcei en crear?", preguntábase Victor Frankenstein na novela de Mary Shelley sobre o monstro ao que nunha "sombría noite de novembro" logrou por fin dar vida.

Foi tamén un día de novembro que a cidadanía estadounidense deu vida cos seus votos a unha nova figura política. O 8 dese mes, en 2016, Donald Trump era elixido novo presidente do país  malia perder o voto popular. Catro anos despois era derrotado nas urnas, de novo perdendo no voto popular, mais sumando 11 millóns máis de sufraxios que nos anteriores comicios: o pasado 3 de novembro, 74 millóns de cidadáns estadounidenses confiaron no magnate neoiorquino.

Ese substancial apoio, sumado á de sobra coñecida personalidade del, déronlle cheda para non asumir a derrota, para inflamar nos últimos dous meses os seus seguidores facendo acusacións infundadas de fraude electoral desbotadas todas pola xustiza. 

Catro anos de retórica agresiva, catro anos de meter os cans na bouza, que culminaron nos violentos episodios da pasada cuarta feira: o edificio que alberga o parlamento bicameral estadounidense foi tomado polos seus seguidores, coa perda humana de catro vidas (unha ex militar, disparada no peito, e outras tres persoas por "emerxencias médicas", segundo Associated Press).     

Catro anos en que contou co apoio inquebrantábel do Partido Republicano ás súas boutades. Mais, como o doutor Victor Frankenstein, "incapaz de soportar o aspecto do ser que creara", con "pel amarelenta que apenas cubría o entramado de músculos e arterias que había debaixo", optou por fuxir.

Tamén nas últimas horas, as condenas á toma do Capitolio ─e á responsabilidade de Trump na mesma─ foron continuas dentro das filas conservadoras. "Censuramos a violencia nos termos máis contundentes posíbeis", declarou o vicepresidente Mike Pence. "Os EUA non serán intimidados por matóns, catervas ou ameazas", afirmou o líder dos republicanos no Senado, Mitch McConnell. "Así é como se disputan os resultados electorais nunha república bananeira", sinalou o ex presidente George W. Bush. E de "vergoña nacional" cualificou o ataque o senador Lindsey Graham, un dos grandes aliados de Trump.

Partido roto

Tal e como analizaba hoxe nunha peza titulada "O día que Trump crebou o Partido Republicano" o medio estadounidense Politico, "literalmente custou unha revolta dos seguidores de Trump no Capitolio para que finalmente moitos republicanos confrontasen o presidente derrotado" e lle "desen as costas".

Son senadores republicanos como Tom Cotton, que afirmou que "é hora de que o presidente acepte os resultados, deixe de confundir o pobo estadounidense e repudie a violencia da masa"; ou Roy Blunt, que sinalou que "foi un día tráxico e el [Trump] foi parte del"; ou Liz Cheney, que declarou en Fox News: "Non hai dúbida de que o presidente formou a multitude, o presidente incitou a multitude. Foi el que acendeu a chama".

Co partido roto fica por saber cal será o futuro de Trump. O inmediato e o futuro. Aínda será presidente até a toma de posesión o 20 de xaneiro de Biden ─que na madrugada de onte en Washington foi finalmente ratificado polas dúas Cámaras tras os incidentes─, mais segundo informou CNN, un crecente número de líderes republicanos e oficiais do Goberno cren que debería haber un novo impeachment a Donald Trump nestas dúas semanas en que, ademais, desde outras instancias se teme que, como Nerón, marche deixando Roma ardendo.

Polo momento, se cadra ventando a ameaza interna, pousou a arpa por un momento e mediante un comunicado oficial ─Twitter, onde falou con condescendencia dos asaltantes do Capitolio, bloqueoulle a conta tras os incidentes─ sinalou: "Aínda que estou en total desacordo co resultado das eleccións, e os feitos danme a razón, haberá porén unha transición ordenada o 20 de xaneiro". 

Neutralizar a Trump

O impeachment ou xuízo político sería ademais un golpe a futuro, xa que de ser apartado do cargo desta maneira, Trump non se podería volver presentar a unhas eleccións. Porque ese é outro dos medos presentes a día de hoxe no Partido Republicano: que recunque en 2024. Segundo CBS News, valora anunciar a súa candidatura antes ou mesmo no propio día 20.

Xa que logo, de non haber impeachment antes dese día, ficaría por saber se a candidatura de Trump ─cun abafante apoio popular─ chegará dentro ou fóra do Partido Republicano. Mais o que parece seguro é que chegará. Que Trump non marchará.

"Entrégome, ben en vida ou en morte, á súa destrución", dicía Victor Frankenstein xurando acabar co monstro. Tamén o Partido Republicano semella querer acabar con Trump. Mais cómpre lembrar que ao final da novela de Mary Shelley, o doutor, na procura de vinganza contra o monstro, acaba morrendo de extenuación.

Comentarios