Daesh reivindica os atentados en Bruxelas, que causaron un mínimo de 34 persoas falecidas

Dúas explosións no aeroporto e outra nunha liña de metro da cidade belga, nunha parada perto do bairro das institucións comunitarias. O goberno fala, nun balanzo provisional, de 34 persoas falecidas e máis dun cento feridas. Segundo Reuters, o Daesh (ISIS) reivindicou os atentados. 

Telesur
photo_camera [Imaxe Telesur]

Dúas explosións no aeroporto de Bruxelas-Zaventem (Bélxica) e unha na liña de metro da cidade deixan varias vítimas mortais e numerosas persoas feridas. Polo momento, e como balanzo provisional, o goberno recoñece 34 persoas mortas (14 no aeroporto e 20 no metro) e máis dun cento de persoas feridas. Unha televisión rusa nun primeiro momento, e despois a televisión belga, apontan a que os estoupidos no aeroporto serían dun atentado suicida.

As explosicións tiveron lugar por volta das 8 da mañá en dúas zonas distintas do aeroporto, que de inmediato pasou a ser evacuado e fechado. Varios pasaxeiros informaron que momentos antes das explosións un piloto advertiu da existencia dunha ameaza de bomba.

Exteriores sinala que, en principio, non hai ningún cidadán do Estado español entre as vítimas das explosicións. En Bélxica viven 1.669 galegos.

"Sentín o edificio tremer"

"Sentín o edificio tremer" conta un xornalista da Sky News que estaba na zona de embarque no momento das dúas explosicións. "Fun até a zona das explosións e vin persoas chegar, en estado de shock", proseguiu Alex Rossi, en declaracións recollidas por Público.pt

O goberno belga aponta á posibilidade dun atentado terriorista, hipótese sobre a que están a  traballar .as forzas de seguridade.

Metro

Por volta das 9 da mañá informouse de novas explosións, desta volta no metro de Bruxelas. Nun principio falouse de estoupidos en 2 paradas cercanas ao bairro das institucións europeas: Malbeek e Schuman, mais só se confirmou o detonar de explosivos na de Malbeek. O goberno belga elevou o nivel de alarma a 4, o máximo posíbel. O Ministerio de Interior español avalía elevar para o territorio do Estado o nivel de alerta.

Contacto

O Ministerio de Exteriores habilitou un teléfono de contacto para quen queira porse en contacto ou interesarse por familiares: +32 2 509 87 46. En Bélxica residen, a 1 de xaneiro de 2016, un total de 1.669 galegos, boa parte deles en Bruxelas. Desas 1.669 peersoas nadas na Galiza e que están residindo no país balega, 987 teñen entre 16 e 64 anos, mentres que 625 superan os 65 e 57 non chegan aos 16 anos de idade. O Ministerio sinala que non hai ningún cidadán do Estado español afectado polos atentados.

ISIS

Segundo a axencia de noticias internacional Reuters, que referencia a axencia AMAQ, o autodenominado Estado Islámico (ISIS) reivindicou os atentados desta xornada en Bruxelas. No comunicado a organización sinalaría que as accións se terían cometido con "cintos e aparellos explosivos". 

En actualización



 

Comentarios