Dúas conservadoras para substituír a Ginsburg

Trump ten a oportunidade de designar un terceiro xuíz para un cargo vitalicio no Tribunal Supremo tras o pasamento da xuíza progresista Ruth Bader Ginsburg e inclinar a corte máis á dereita.

Trump_Fayetteville_twitter
photo_camera Un momento do acto electoral de Trump deste sábado en Fayetteville (Twitter: @realDonaldTrump)

"Presentarei unha candidata a próxima semana. Será unha muller", dixo o presidente Donald Trump nun mitin de campaña, o sábado, 19 de setembro, en Fayetteville, Carolina do Norte a respecto do Tribunal Supremo. "Creo que debería ser unha muller porque en realidade gosto das mulleres moito máis que dos homes", engadiu.

Trump ten a oportunidade de designar un terceiro xuíz para un cargo vitalicio despois do pasamento da xuíza progresista Ruth Bader Ginsburg, e con esta medida, inclinar a corte máis á dereita. Mencionou dúas mulleres como candidatas, dúas conservadoras que ascendeu aos tribunais federais de apelacións: Amy Coney Barrett, católica e nai de sete fillos, e a cubanoamericana Barbara Lagoa.

O falecemento de Ginsburg tras 27 anos no Tribunal Supremo deu a Trump, que busca a reelección o 3 de novembro, unha grande oportunidade de expandir a maioría conservadora do tribunal a 6-3 nun momento de gran división política nos Estados Unidos.

Calquera designación requirirá a aprobación no Senado, onde os republicanos de Trump teñen unha maioría de 53-47. Non obstante, non todos os senadores republicanos apoiaron a iniciativa. Susan Collins, de Maine, dixo o sábado que Trump debería agardar antes de realizar a designación.

"Para ser xustos co pobo estadounidense, que reelixirá o presidente ou seleccionará un novo, a decisión sobre unha designación vitalicia na Corte Suprema debería ser feita polo presidente que resulte electo o 3 de novembro", dixo en Twitter Collins.

Unha opinión na liña do manifestado polo candidato á Casa Branca do Partido Demócrata, Joe Biden.

Comentarios