Oriente Próximo

A droga, unha arma máis contra Palestina

O presidente da Autoridade Nacional Palestina, Mahmoud Abbas, acusa Israel de consentir o narcotráfico.
heroina
photo_camera O consumo de haxix, mais tamén o de opiáceos como a heroína, estase a estender entre a sociedade de Gaza e Cisxordania [un.org]

Non é a primeira vez que desde as institucións palestinas se denuncia a suposta estratexia de Israel para desestabilizar a mocidade de Gaza e Cisxordania mediante a introdución de substancias estupefacientes para o seu consumo. Desta volta, a acusación chega desde o máis alto: "Non queren que teñamos un futuro", declarou Mahmoud Abbas, presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP). 

Segundo os datos sobre o terreo achegados por médicas e médicos e outros membros dos servizos sanitarios, ducias de miles de habitantes de Palestina consumen opiáceos habitualmente.

Alén destes, diferentes tipos de drogas, incluído o haxix, chegan de contrabando por túneles procedentes de Israel e Exipto. Nesta última década, a cantidade incrementouse exponencialmente, segundo informacións achegadas polas unidades policiais e recollidas polos medios locais.

Neste contexto enmárcase a denuncia de Abbas, no transcurso dunha conferencia sobre corrupción institucional. "Somos conscientes de que non seremos capaces de arrincar de raíz nin un anaco da corrupción por numerosas razóns, mais hai unha máis importante, e esta é a ocupación", relatou o presidente da ANP.

"A ocupación planta entre nós a corrupción", engadiu, e é dentro desta circunstancia ─engadiu─ que "vemos substancias como o haxix". A razón, para Abbas: "Queren combater a nosa existencia, combater o noso sentimento humano. Queren combater o noso futuro, non queren que teñamos un futuro".

"Facer por non ver"

Estas denuncias nos medios palestinos, que desde Israel cualifican de libelos,  veñen de vello. O argumento das autoridades palestinas, por exemplo, o xefe da unidade antidroga de Gaza, Ahmed Kidra, é que Israel conspira para "inundar" Palestina con droga, "facendo por non ver" cos narcotraficantes.

Neste sentido, a organización Hamas, que goberna na Faixa,  aprobou hai tres anos unha lei de emerxencia nacional, que permite que os traficantes sexan xulgados por tribunais militares.

Para os consumidores a situación é máis complicada. Están estigmatizados e de non se someteren a tratamento pasan a ser considerados criminais.

Antidepresivos fronte á ocupación

O problema do consumo de drogas en Palestina estendeuse nos últimos anos á xuventude e ás mulleres. O contexto socioeconómico excepcional en que viven, caracterizado pola carestía e as tensións políticas derivadas da ocupación en Cisxordania e o bloqueo en Gaza, creou o caldo de cultivo.

antidepresivos

Segundo un informe da Oficina da ONU contra a Droga e o Delito, de novembro de 2017, 1,8% dos adolescentes varóns están en "alto risco" de adicción (co Tramadol, un opiáceo para aliviar a dor, como substancia preferida). Outros estudos, apuntan que entre 18 e 60 anos 50% da poboación consome Tramadol (80%, nas zonas de Gaza máis afectadas polos bombardeos de Israel).

O organismo da ONU apunta que do arredor de 26.500  adolescentes en "alto risco", 1.188 inxectan drogas. En Cisxordania, a heroína prevalece mentres que en Gaza faino a cocaína. Mais tamén incide en que, alén do haxix e a marihuana, o uso en doses altas de anitidepresivos e analxésicos (como metadona, morfina ou barbitúricos) está cada vez máis preocupantemente estendido.

Comentarios