Vitoria do Si con 90 por cento dos sufraxios face 7,8 do Non

Dous millóns de votos pola independencia de Catalunya

O si gañou o referendo de 1-O por esmagadora maioría, 90 por cento dos sufraxios obtidos. En total, o apoio ao nacimento da República catalá obtivo 2.020.144 sufraxios, face os 176.566 apañados polo non, 7,8 por cento dos votos emitidos. TV3 estimou a participación en 42,3 por cento.

Papeleta Dani Candal

Das 5.343.358 persoas chamadas a emitiren o seu voto fixérono finalmente 2.262.424, nun referendo marcado pola represión do Estado, que empregou todos os meios ao seu alcance para tentar impedir a realización da consulta. 

Non todos os votos puideron ser contados, ao teren sido requisadas as papeletas correspondentes a por volta de 400 colexios eleitorais, o que se correspondería cos sufraxios potenciais de 770 mil persoas, que non puideron exercer o seu direito de voto.

Os dados foron oferecidos nunha conferencia de imprensa conxunta por Jordi Turull, conselleiro da Presidencia e portavoz do Govern; Raül Romeva, conseller de Asuntos Exteriores; e Oriol Junqueras, vicepresident.

Os resultados finais do referendo serían:

  • Si. 2.020.144 votos,  90%
  • Non. 176,566 votos, 7,8%.
  • Brancos: 45.585 votos.
  • Nulos: 20.129 votos.

 

Ao non se teren dado as mínimas condicións de normalidade no referendo -polas cargas policiais e a manipulación por parte do Estado do sistema informático que controlaba o censo de votación-, o Govern non achou prudente oferecer un dado oficial da participación do eleitorado no referendo.

Quen si o fixo é a TV3, a televisión pública catalá, que estimou a participación en 42,3 por cento.

O Si supera os resultados do 9N

Os resultados obtidos polo SI superan os colleitados na consulta de 9 de novembro de 2014. Naquela altura -en que non se produciu ningunha intervención policial e portanto non houbo persoas que ficaron sen poder votar- a opción a prol da independencia apañou 1,8 millóns de votos.

Comentarios