17 oradores na Praza da Revolución

Dous millóns de persoas renden tributo a Fidel

Por volta de dous millóns de persoas saíron ás rúas de Cuba -non só na Habana, senón ao longo e ancho do país- para testemuñar o seu respaldo á obra e á vida do líder da Revolución cubana, un evidente termómetro do apoio ao goberno do país nun momento tan delicado como o do desaparecimento do fundador da República socialista.

Acto homenaxe Fidel Castro
photo_camera Raúl toma a palabra na Praza da Revolución

As multitudes foron as grandes protagonistas dos actos de homenaxe a Fidel. Os mainstream media occidentais preferiron pór o foco sobre as ausencias no tributo ao comandante revolucionario, a comezar pola de Vladimir Putin, o presidente de Rusia. O certo é que esta terza feira de noite, na Praza da Revolución, até 16 oradores internacionais tomaron a palabra para testemuñar a súa adhesión ao legado do dirixente que aliou a defensa da soberanía nacional coa construción dunha sociedade socialista, só un chefe de goberno da UE -o grego Alexis Tsipras- entre eles. Si estivo a plana maior da esquerda lationoamericana -Nicolás Maduro, Rafael Correa, Evo Morales-, e os presidentes de Sudáfrica e Namibia, Jacob Zuma e Hase Geingob.

A relación íntegra dos oradores, por orde de intervención, foi a seguinte: Rafael Correa, presidente de Ecuador; Jabob Zuma, presidente de Sudáfrica; Roosevelt Skerrit, primeiro ministro de Dominica; Salvador Sánchez Cerén, presidente de El Salvador; Abdelkader Ben Salah, presidente do Consello Nacional de Alxeria; Li Yuanchao, vicepresidente da República Popular de China; Majid Anjari, vicepresidente de Irán; Vydchelas Volodin, presidente da Duma rusa; Nguyen Thi Kim, presidente do Parlamento de Vietnam; Hamud Bin Jalifa Al Thami, representante de Qatar; Viktor Shelman, enviado de Belarús; Evo Morales, presidente de Bolivia; Hase Geingob, presidente de Namibia; Enrique Peña Nieto, presidente de México; Daniel Ortega, presidente de Nicaragua; Nicolás Maduro, presidente de Venezuela; Raúl Castro, presidente de Cuba.

Raúl Castro puxo en destaque que seu irmán encabezara unha Revolución socialista "dos humildes, polos humildes e para os humildes"

Na súa breve intervención -o estilo austero de Raúl Castro é nesta materia antitético do volcánico e torrencial rexisto do seu irmán-, o presidente de Cuba puxo en destaque que o líder desaparecido encabezara unha Revolución socialista "dos humildes, polos humildes e para os humildes", o que o tornou nun símbolo da loita anticolonialista, anti-apartheid e anti-imperialista.

Si chamou a atención a ausencia de representación oficial de Angola, país ao que Fidel emprestou un apoio decisivo na guerra pola súa independencia fronte á ameaza imperialista norteamericana e ás tropas do réxime racista de Sudáfrica, e de Corea do Norte (o país asiático decretou tres días de loito pola morte de Castro, mentres que o presidente angolano se declarou "consternado" e cualificou o líder cubano unha "figura ímpar de transcendente importancia histórica"). Tampouco a Administración Obama estivo presente no acto, a pesar do desxeo nas relacións cubano-norteamericanos producido nos últimos meses e coa lembranza da visita do presidente norteamericano aínda fresca na memoria.

Esta cuarta feira, a caravana oficial coas cinzas de Fidel Castro comeza a súa peregrinaxe até Santiago de Cuba, no percurso inverso ao feito polas tropas revolucionarias, xa victoriosas, en xaneiro de 1959. O sepelio vaise verificar o próximo domingo no cimiterio de Santa Ifigenia.

Comentarios