Dous militantes do FMLN asasinados ao sair dun mitin

Acusan o presidente de El Salvador de sementar odio.
Interior do vehículo atacado (@Nidia_FMLN)
photo_camera Interior do vehículo atacado (Foto: @Nidia_FMLN)

Dous militantes da Fronte Farabundo Martí para a Liberación Nacional (FMLN) foron asasinados este pasado domingo no Salvador despois de acudir a un acto electoral para as eleccións lexislativas e municipais  salvadoreñas convocadas para o vindeiro 28 de febreiro.

O ataque, segundo explica a deputada do FMLN Nidia Díaz na súa conta de Twitter, deixou cinco feridos e foi consecuencia da "intolerancia política xerada por Nayib Bukele". O atentado tivo lugar tras un evento de lanzamento de campaña do candidato a alcalde por San Salvador

O propio FMLN asegura nun comunicado que este "ataque salvaxe e criminal" é o resultado  "da campaña de odio sostido  da Casa Presidencial e o presidente Bukele contra o noso partido e a nosa militancia".

Reacción do presidente e a fiscalía

O presidente do país, Nayib  Bukele, explicou aos medios de comunicación que a Policía Nacional Civil capturou a dous dos tres suxeitos sospeitosos deste suceso. Para Bukele as denuncias formuladas polo FMLN forman parte dun "plan" coa intención de non perder "os seus privilexios" que se xogan nestas videniras eleccións.

Alén diso, a Fiscalía Xeral, tras confirmar o ataque a estas persoas militantes, asegurou que fora cometido por persoas que levaban distintivos do equipo de fútbol Alianza.

Con todo, esta información foi rexeitada posteriormente polo secretario xeral do FMLN, Óscar Ortíz, quen incidiu en que non se debe involucrar a ningún membro ou afeccionado de ningún equipo deportivo polo ataque do domingo.

O fiscal xeral, Raúl  Melara, concluíu en declaracións aos medios de comunicación que "a contenda electoral non pode converterse nun baño de sangue", tras tachar este incidente de "grave".

Comentarios