Os Jordis quedan en liberdade mais terán que voltar á prisión para durmir

Os dous líderes sociais independentistas prepáranse para saír á rúa
Os Jordis ante a Audiencia Nacional (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Os Jordis ante a Audiencia Nacional (Imaxe: Europa Press)

O ex president da Assemblea Nacional Catalana, Jordi Sànchez, e o de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, sairán da prisión de maneira inminente, de segunda a sexta feira, e terán que voltar a durmir todos os días á cadea. Medios cataláns sinalan que a saída podería producirse hoxe mesmo.

No día de onte, a xunta de tratamento da prisión catalá de Lledoners concedeulles a ambos a aplicación do artigo 100.2 do regulamento penitenciario, polo que poderán saír da cadea para traballar, realizar labores de voluntariado ou coidar de familiares. 
Para aplicar este artigo, o único requirimento que hai que cumprir en prazos de tempo é que tivesen pasado dous meses desde que se determinara o grao en que teñen que estar en prisión. 

Precisamente cúmprese neste momento ese prazo e, aínda que aplicación do artigo pode ser recorrida pola Fiscalía, non se pode impedir, xa que está estabelecido como un dereito básico no réxime penitenciario catalán. Este dereito aséntase sob o principio de reinserción das persoas presas na sociedade e non en fins punitivos. 

Os dous tiveron xa permiso penal ordinario de 48 horas tras cumprir unha cuarta parte da condena a mediados de xaneiro, após ser aprobado ese permiso pola xunta de tratamento. 

Ambos os dous foron condenados polo Tribunal Supremo español na causa contra o procés en relación aos acontecementos previos sucedidos no marco do desenvolvemento do referendo de autodeterminación de 1 de outubro de 2017 en Catalunya. Os Jordis foron condenados a nove anos de prisión por un delito de sedición e outros nove de inhabilitación absoluta. 

Comentarios