Dous condenados polo asasinato de Malcolm X van ser exonerados case 60 anos despois

O fiscal  Cyrus  Vance  Jr. revelou ao diario  The New York Times que o FBI e a policía ocultaron probas que, de ser tidas en conta, facilitarían a absolución dos homes.

Malcolm X
photo_camera Malcolm X

Un fiscal de Estados Unidos anunciou que se anularán as condenas de dous homes acusados de asasinar en 1965 o líder afroamericano Malcolm X.

Segundo a Fiscalía do Distrito de Manhattan,  Muhammad Aziz e  Khalil Islam, condenados por aquel asasinato, non obtiveron a xustiza que merecían no caso.

O fiscal  Cyrus  Vance  Jr. revelou ao diario  The New York Times que o FBI e a policía ocultaron probas que, de ser tidas en conta, facilitarían a absolución dos homes.

"Estes homes non tiveron dereito á xustiza que merecían", declarou ao diario  The New York Times o fiscal  ¡Vance, cuxa oficina confirmou que haberá unha conferencia de prensa esta quinta feira tras a "anulación das condenas inxustificadas" de  Muhammad A. Aziz e  Khalil Islam.

Malcolm X foi asasinado a tiros nun salón de baile de Nova York diante da súa familia.  Aziz e Islam -xunto cun terceiro home, Thomas Fagan- foron declarados culpables do feito e condenados a cadea perpetua.

O xuízo pola morte do líder negro en febreiro de 1965 estivo inzado de erros e omisións, segundo unha investigación que realizou a fiscalía do distrito de Manhattan e os avogados de ambos os condenados, citada polo diario neoiorquino.

A oficina do fiscal do distrito de Manhattan "tomará medidas para anular as condenas erróneas de dous homes polo asasinato de  Malcolm X. Máis por vir mañá", escribiu  Vance na súa conta de Twitter.

O pasado mes de febreiro, as fillas do activista afroestadounidense solicitaron a reapertura da investigación sobre o seu homicidio despois de que unha testemuña implique, presuntamente, a Policía de Nova York e o FBI. As probas consistirían nunha carta dun ex oficial encuberto da Policía de Nova York, na que afirma que os seus supervisores o apremaron para que conseguise que dous dos homes de seguridade do activista cometesen delitos uns días antes do asasinato. 

Comentarios