Domingo sanguento en Gaza

O Consello de Seguridade das Nacións Unidas reúnese esta segunda feira após solicitalo o presidente da Autoridade Nacional Palestina, Mahmud Abbas. 

Palestine tv
photo_camera [ Imaxe Palestine tv]

Durante a xornada do 20 de xullo foron asasinadas 120 persoas na Faixa de Gaza polo exército israelita, segundo os dados publicados pol@s corresponsáis desprazad@s na zona. Até o momento, o día máis sanguento no que vai de ofensiva militar contra o pobo palestino. 

O número de vítimas mortais após 10 días de asedio suma 450 persoas e @s ferid@s ascenden a máis de 3.000. Aliás 18 soldados israelitas foron abatid@s. 

O presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP) Mahmud Abbas, solicitou unha xuntanza de urxencia do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. O órgao executivo reunirase esta segunda feira ás 21.30 hora local (01:30h GMT) para avaliar a situación. O secretario xeral, Ban Ki-Moon tildou de "terríbel" o ataque contra o barrio de Shuja'iya onde 80 persoas foron asasinadas polo exército de Israel en poucas horas. Aliás solicitou un "cesamento inmediato" das hostilidades en Gaza. 

As familias foxen do asedio a Gaza

Foi en Shuja'iva onde máis duros foron os ataques israelitas. En 12 horas de bombardeos por terra e ar foron asasinadas 62 persoas, 17 das cales eran crianzas. Os hospitais da Faixa de Gaza alertan da incapacidade para faceren fronte a tantas persoas feridas e os cadáveres amoréanse mesmo nas moradas. Neste senso, durante a curta tregua acordada por razóns humanitarias (apenas durou un par de horas) familias enteiras tentaron desprazar as persoas mortas até os centros hospitalarios e outras fuxir cara o leste na procura de espazos mais seguros. 

Máis de 80.000 persoas están refuxiadas en campamentos da ONU e 650 gazatís con dobre nacionalidade abandonaron Palestina cara Xordania

Segundo a ONU máis de 81.000 palestin@s amoréanse nos seus refuxios e aqueloutr@s que contan con dobre nacionalidade --650 gazatís-- foron evacuad@s polo paso de Erez --o único aberto-- cara Xordania. 

O Estado de Israel continúa a afirmar que a operación 'Bordo protector' é "mesurada" e a xustificar o asasinato de crianzas e mesmo xornalistas asegurando que estaban a ser empregad@s por Hamas como "escudos humanos". "Os nosos obxectivos son militares", sinalou Benjamin Netanyahu, "mais desafortunadamente hai baixas civís que lamentamos e non buscamos", dixo en declaracións á CNN. 

A respeito do tempo que podería prolongarse a ofensiva o primeiro ministro israelita non concretou cando rematará mais dixo que se está a "completar bastante rápido". 

Esta segunda feira o secretario de estado estadounidense, John Kerry, viaxa até a cidade do Cairo para tomar parte nas xuntanzas que manteñen diplomáticos israelitas e palestinos. Kerry afirmou en declaracións off the record antes dunha entrevista concedida á FOX que Israel está a desenvolver unha "operación infernal" se ben na súa intervención pública apoiou o "dereito á lexítima defensa" do goberno sionista. 

Comentarios