Un dixital norteamericano publica que os sauditas forneceron a Al Qaeda as armas químicas detonadas en Siria

MintPress.Com, um medio dixital alternativo, publicou o 29 de Agosto que segundo fontes das propias forzas opositoras sirias o Goberno de Al-Assad non tivo nada a ver co alegado ataque con armas químicas do 21 de Agosto. Algúns testemuños apuntan a hipótese dun accidente por parte de milicianos inexpertos no manexo de armamento químico, fornecido por Arabia Saudita a un grupo próximo a Al Qaeda.

Os meios alternativos continúan a cuestionar a información que os mainstream media oferecen sobre o alegado ataque químico do 21 de Agosto, en Ghouta, nos arrabaldos de Damasco.

En concreto, MintPress.Com, un portal dixital alternativo, norteamericano, publicou o 29 de Agosto unha reportaxe asinada conxuntamente por Dale Gavlak e Yayah Ababneh en que se sustenta a tese de que o Exército sirio non tivo nada a ver co ataque, saldado con 355 vítimas mortais segundo Médicos sen Fronteiras.

"Tiñamos moita curiosidade sobre esas armas. E infelizmente, algúns dos milicianos manexáronas de forma inapropriada, o que provocou as explosións"

MintPress.Com entrevistou a membros das milicias autoproclamadas como rebeldes (moitos deles son mercenarios a soldo de Arabia Saudita, como eles mesmos recoñecen) e as súas familias, ben como a doutores que asistiron a vítimas das explosións e residentes do bairro de Ghouta. "Moitos acreditan que algúns rebeldes recibiron as armas químicas vía o chefe da intelixencia saudita, o Príncipe Bandar bin Sultan, e que foron estes os responsábeis de que se producise o ataque químico".

O grupo opositor que tería recibido o armamento químico estaría vinculado con Al Qaeda.

13 milicianos das forzas opositoras terían falecido durante o alegado ataque químico do 21 de Agosto. Segundo algúns dos testemuños achegado por MintPress.Com, o gas tóxico podería ter sido detonado en Ghouta pola falta de pericia dos milicianos á hora de manipularen este armamento.

Un líder "rebelde" entrevistado por MintPress.Com, e que gardou o anonimato apresentándose como "J", afirmou literalmente: "Tiñamos moita curiosidade sobre esas armas. E infelizmente, algúns dos milicianos manexáronas de forma inapropriada, o que provocou as explosións", dixo.

Unha tradución ao galego-portugués do artigo publicado en MIntPress.Come está disponíbel en Resistir.Info.

Comentarios