venres 23/07/21

Os disturbios desde a entrada de Zuma en prisión deixan 72 mortos en Suráfrica

Unha semana despois do comezo dos disturbios en Suráfrica, provocados pola entrada en prisión do ex presidente Zuma, o actual mandatario, Cyril Ramaphosa, advirte de que a situación é "algo que poucas veces vimos na nosa historia democrática", dificultando o acceso de alimentos nas zonas afectadas.
Estrada calcinada após os disturbios desta semana na provincia de KwaZulu-Natal. (Foto: Ralf Krüger / dpa)
Estrada calcinada após os disturbios desta semana na provincia de KwaZulu-Natal. (Foto: Ralf Krüger / dpa)

72 mortos e 1.232 persoas detidas é o saldo dos últimos sete días de disturbios en Suráfrica, despois de que a pasada cuarta feira o ex presidente Jacob Zuma se entregara ás autoridades ao ser condenado o 29 de xuño a 15 meses de prisión acusado de desacato xudicial, por negarse a declarar nun caso de corrupción no que estaba imputado.

As mortes producíronse nas dúas provincias que concentran as protestas, segundo informa o medio surafricano IOL News. 45 en Gauteng, onde se sitúa Johanesburgo e Pretoria, e 27 en KwaZulu-Natal, que acolle a cidade de Durban.

Esta situación, considerada a máis grave desde o final do apartheid hai 27 anos, está provocando prexuízos sobre todo na provincia de KwaZulu-Natal, onde o Sowetan Live advirte de que “a seguridade alimentaria para as comunidades é crítica”, apuntando que non van poder manter a distribución de materias primas se continúan as interrupcións no servizo.

O primeiro ministro da provincia natal de Zuma, Sihle Zikalala, revelou que a meirande parte das mortes se produciron por avalanchas de persoas que estaban a saquear tendas pequenas de alimentación, de electrodomésticos, licor e roupa.

Bheki Cele, ministro de Policía, confirmou que os falecementos en Gauteng seguen o mesmo patrón, e indicou que a maioría das detencións se localizaron en Johanesburgo, sinalando que “a insatisfacción e as circunstancias persoais non dan a ninguén o dereito de roubar, ser protagonista de accións vandálicas e romper a lei”.

Porén, aínda que as protestas dos seguidores do ex presidente Zuma deron comezo aos disturbios, combinouse coa situación económica do Estado e unha fenda de desigualdade que mantén a parte da poboación na pobreza, indica Al Jazeera.

No estudo multidimensional da pobreza feito pola Organización das Nacións Unidas en 2019, Suráfrica ocupa un dos últimos lugares do continente, co 0,9% da poboación en situación de pobreza extrema, e un 18,9% por debaixo do nivel de pobreza, cunha redución de máis de 30 puntos porcentuais na última década.

A pesar diso, salientan os medios surafricanos que nestes disturbios está moi presente o lento avance na mellora das condicións de vida deste sector de poboación e os problemas xerados a raíz das restricións motivadas pola pandemia de Covid-19, que xa deixou no país 64.000 mortes e máis de dous millóns de contaxios.

Envío do Exército

Esta segunda feira, o presidente, Cyril Ramaphosa, fixo unha declaración recoñecendo a gravidade dos acontecementos, “é unha violencia que poucas veces vimos na historia da nosa democracia”, destacou.

“A nosa constitución garante o dereito de manifestarse, é moi clara nestes asuntos, pero nada xustifica a violencia”, explicou Ramaphosa. Amais das mortes, agregou, “vimos estes días cortes de estradas, roubos, saqueos e danos á propiedade”.

Baseándose no número de persoas falecidas e nas imaxes de violencia que ilustran os medios do Estado africano nos últimos días, o mandatario anunciou que as Forzas Armadas surafricanas darán cobertura e apoio aos corpos policiais.

Ademais de facer un chamamento á calma, Ramaphosa pediu evitar que os disturbios deriven nun conflito étnico, e acusou “grupos de persoas que buscan instigar o caos”, provocando a interrupción do programa de vacinación e impedindo que alimentos e medicamentos entren nas zonas afectadas, así como a normal asistencia ao traballo da poboación.

Na declaración, o presidente expresou que “a desigualdade é inaceptábel”, igual que a corrupción, un mal do que “estamos a sandar”, resolveu, antes de reclamar confianza nos cambios democráticos que o goberno do Congreso Nacional Africano está a impulsar.

Mangosuthu Buthelezi, primeiro ministro da nación Zulú, criticou as “confusas palabras do presidente” sobre o conflito étnico, defendendo que esta é unha loita dos seguidores de Zuma e que o pobo que encabeza non ten ningunha responsabilidade.

Zuma, 15 meses de prisión, mais con case 800 causas xudiciais pendentes de xuízo

Jacob Zuma foi elixido cuarto presidente da República de Sudáfrica nas eleccións xerais de 2009 polo Congreso Nacional Africano (CNA), dous anos antes xa se fixera coa Presidencia do Partido, e entre 1999 e 2005 ocupara a Vicepresidencia no primeiro mandato de Thabo Mbeki.

Poucos días despois de ser escollido candidato presidencial do CNA, chegaron as primeiras acusacións de corrupción contra el, acumulando na actualidade case 800 causas xudiciais pendentes.

Foi perdendo a confianza do partido até que en febreiro de 2018 tiveron que darlle un ultimato: ou renunciaba de forma inmediata ou sería expulsado polo lexislativo. Horas despois presentaba a súa renuncia expresando que "non quero romper o CNA".

comentarios