Tería xa o apoio do PNV

O director de Radio 3, nova proposta para presidir a RTVE após a renuncia de Gil

O xornalista de ElDiario.es Andrés Gil faise a un lado após as reticencias mostradas polas formacións soberanistas e ao constatar que o seu nomeamento producía malestar no persoal da RTVE ao non ter sido previamente consultado coas traballadoras do ente.

TFF
photo_camera Tomás Fernando Flores

O nomeamento dun presidente provisional na RTVE —o definitivo chegará en forma de concurso público— está a se converter nun auténtico sarillo e nunha mostra da debilidade parlamentar en que se acha o Goberno Sánchez, abocado a pactos permanentes con Podemos e as forzas soberanistas.

En virtude desa precariedade, o PSOE alcanzou un acordo con Podemos para ser a formación morada a que propuxese a persoa que iría dirixir a RTVE de forma interina. O xogo de propostas comezou con Arsenio Escolar, continuou coa galega Ana Pardo de Vera —directora de Público— e parecía concluír co xornalista de ElDiario.Es Andrés Gil. Nada máis lonxe da realidade. As formacións nacionalistas, excluídas da negociación, puxeron a proa a esta última proposta e o colectivo de traballadoras e traballadores da RTVE tamén exteriorizou a súa irritación perante o que vían como un acordo cupular entre os partidos sen ter en conta en absoluto a opinión dos profesionais da corporación pública. Gil publicou esta segunda feira un artigo en ElDiario.es en que formalizaba a súa renuncia, co argumento de que non ía ser candidato se non contaba co consenso do persoal da RTVE.

A presión das traballadoras do ente deu os seus froitos e a nova proposta de dirección —que, segundo o diario ElPaís, viría agora do Goberno e non de Podemos— é a do director de Radio 3 Tomás Fernando Flórez, un clásico dos meios públicos sen perfil político moi marcado e que desde 1996 dirixe o programa de música electrónica Siglo XXI.

En todo caso, a proposta debe ser votada pola maioría absoluta da cámara, o que obriga o PSOE a procurar os mesmos apoios que levaron Sánchez á presidencia. Isto é, mais unha vez os votos soberanistas son imprescindíbeis no Congreso.

De feito, nas últimas horas ten trascendido que o PNV si apoiaría a opción de Tomás Fernando Flores. Porén, aritmeticamente a operación precisa de máis respaldos, así que todos os focos están postos nos 9 parlamentares de ERC.

Noticia actualizada ás 14:04.

Comentarios