Dinamarca e Islandia darían a benvida a unha Escocia independente

Membros dos partidos do goberno danés din que o novo estado sería “benvido” e o presidente islandés afirmou que as relacións serían “prósperas”


 

Escocia

Unha Escocia independente non estaría, en absoluto illada na escena europea e internacional, tal e como augura un dos argumentos de choque do unionismo de cara a o referendo de autodeterminación do 2014. Tampouco tería as portas da UE fechadas, de querer entrar, ou polo menos así o ven algúns países integrantes da Unión Europea.

@s escoceses están convencid@s de que os países nórdicos serían os seus valedores internacionais

Desde National Collective, unha das plataformas a prol da independencia escocesa, mantiveron xuntanzas e encontros con representantes do goberno danés, así como do ámbito universitario. E tiraron unha conclusión: “Unha Escocia independente sería benvida nas organizacións internacionais”. Lembran, así, que o propio novo primeiro ministro de Islandia, afirmou que o seu país estaría encantado de manter “unha relación próspera" e dar a benvida” cunha Escocia independente.

Mirando para as terras do norte

O crecente interese en Escocia polos países nórdicos é “un impulso para a loita pola independencia, que mira cara a Noruega, Suecia, Dinamarca e Islandia como exemplos de países independentes, viábeis e exitosos”, recoñecen desde CN.

Rasmus Helveg Petersen , voceiro de asuntos estranxeiros para os Social-Liberais (que forman parte do goberno dinamarqués) afirmou que, no caso de independencia “entrada escocesa na UE sería unha mera formalidade". A entrada na UE é outro tema de debate do unionismo perante o independentismo escocés, asegurando Londres que unha Escocia ceibe non podería entrar na unión.

Jakob Ellemann-Jensen, voceiro de Asuntos Europeos e membro da Comisión de Asuntos Exteriores, dixo: “Se Escocia vota pola independencia o natural para Dinamarca é recoñecer esa independencia e acoller Escocia, se quer, tanto na UE, e tamén na OTAN ".

Desde CN tamén afirman que unha fonte de dentro do goberno danés ao ser preguntado sobre a independencia escocesa, afirmou que "seguimos o tema con gran interese".

Comentarios