Dinamarca comeza a confiscar bens a demandantes de asilo

As autoridades danesas requisaron 10.700 euros a cinco iranís. 

Helsingør
photo_camera Escultura dun artista anónimo en Helsingør sobre persoas refuxiadas [Imaxe Tumblr]

Coñécese como a 'Lei das xoias', segundo a acuñou a imprensa danesa e foi aprobada entre críticas das organizacións da esquerda, asociacións de avogacía, ONG's e mesmo as Nacións Unidas por considerar que estigmatiza as persoas demandantes de asilo ao autorizar as autoridades a confiscar bens para sufragar supostamente os custes do seu acollemento. 

Foi aprobada en xaneiro deste ano e até o de agora o goberno de Dinamarca asegurou que non fora aplicada. Porén, esta quinta feira (30 de xuño) comunicou que se producira o primeiro requisamento por valor de 10.700 euros a cinco persoas de orixe iraní que solicitaron asilo após seren detidas no aeroporto por entrar ilegalmente no país en posesión de documentación falsa, segundo dixo a Policía danesa. 

Gastos de estadía

"Na miña opinión é razoábel que un pague se pode arranxarse por si propio cando chega como solicitante de asilo", defendeu a ministra de Extranxeiría e Integración, Inger Støjberg, polo que "a Policía danesa está atenta a diario para comprobar se os peticionarios e extranxeiros en situación ilegal que atopamos ten obxectos de valor que poidan financiar os gastos da súa estadía", acrecentou o xefe da unidade de Extranxeiría da Policía, Per Fiig.

A lei aplícase para aquelas persoas que posúan bens ou diñeiro por riba dos 1.340 euros e introduce, entre outras cuestións, maiores restricións para acceder ao proceso de reunificación familiar endurecendo o tempo de agarda de 3 a 4 anos. 

Desde a ONU criticaron con dureza esta lexislación --vixente tamén en Suíza e Alemaña-- por vulnerar as convencións europeas de dereitos humanos, algo que negan desde o goberno. 

Comentarios