Dimite o primeiro ministro sueco despois da moción de censura

Lofven mantén esperanzas de volver á Presidencia unha vez que rematen as consultas entre o presidente do Parlamento e o resto de grupos políticos.
Stefan Lofven, nunha foto de arquivo. (Foto: 
Xinhua / Contactophoto)
photo_camera Stefan Lofven, nunha foto de arquivo. (Foto: Xinhua / Contactophoto)

Stefan Lofven, até o de agora primeiro ministro de Suecia polo Partido Social Demócrata, presentou esta segunda feira a súa dimisión, unha semana despois de perder unha moción de censura no Parlamento impulsada pola súa proposta de flexibilizar as regulacións de vivenda do Estado escandinavo.

Despois da moción de censura, Lofven contaba cunha semana para decidir se convocaba eleccións anticipadas ou dimitía para permitir a formación dunha nova maioría de Goberno. “Cun ano até as próximas eleccións e no medio dunha pandemia, unhas eleccións anticipadas non son a mellor opción para Suecia”, defendeu.

Tras a dimisión, o presidente do lexislativo, Andreas Norlen, “terá que iniciar o traballo para propor un primeiro ministro que conte co apoio do Riksdag (parlamento sueco)”, apuntou Lofven, que unha vez remate o proceso de consultas de Norlen cos grupos políticos non descarta volver á Presidencia.

“Estou dispoñíbel para encabezar un Goberno que o Riksdag poida aceptar”, destacou. Independentemente de que se convoquen comicios anticipados, en setembro de 2022 terán que decorrer as votacións.

Porén, Ulf Kristersson, líder do Partido Moderado, a principal forza xunto aos socialdemócratas, xa comezou a xestionar os apoios para formar unha nova coalición.

Na súa despedida, Lofven acusou o Partido da Esquerda de lanzar unha moción de censura sen unha alternativa de Goberno, “non hai dúbida de que as súas accións levaron á difícil situación actual”, despois de que esta forza se negara a aceptar as liberalizacións da regulación do prezo dos alugueiros de vivenda nova que propuña o até este 28 de xuño primeiro ministro.

A moción prosperou con 181 apoios -seis máis dos exixidos- e co apoio doutras formacións.

Comentarios