Dimite o presidente do Consello Europeo de Investigación pola xestión da pandemia pola UE

O investigador Mauro Ferrari,  presidente do Consello Europeo de Investigación (European  Research  Council ou ERC), vén de presentar a súa dimisión e renunciar ao seu cargo, ao que accedera o 1 de xaneiro, polo seu desacordo coa xestión da UE para facer fronte á crise da COVID-19. 
2020040812343392029
photo_camera Imaxe de Mauro Ferrari.

Ferrari presentou a súa renuncia á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, no día de onte, ante a negativa de Bruxelas de estabelecer un programa científico a grande escala para loitar contra o novo coronavirus.

"Decepcionoume moito a resposta europea á COVID-19", indica o investigador, que anunciou a súa decisión nun comunicado remitiro á cabeceira británica 'Financial Times", no que se declara "fervoroso defensor da UE". "Mais a crise da COVID-19 cambiou por completo os meus puntos de vista, aínda que continúo apoiando con entusiasmo os ideais de colaboración internacional ", manifesta.

Segundo publica este xornal, a disputa do investigador coa Comisión Europea comezou a principios de marzo, cando Ferrari propuxo un programa especial para combater a crise perante as "evidencias" de que a pandemia sería unha "traxedia de proporcións posibelmente sen precedentes"

Creado en 2007 para financiar os mellores equipos científicos de Europa, o Consello Europeo de Investigación converteuse nunha das axencias de financiamento máis prestixiosas do mundo, cun orzamento de ao redor de 2.000 millóns de euros ao ano.

"Pensei que, nun momento como este, os mellores científicos do mundo deberían contar con recursos e oportunidades para combater a pandemia, con novos medicamentos, novas vacinas, novas ferramentas de diagnóstico, novos enfoques dinámicos de comportamento baseados na ciencia, para substituír as intuicións, a miúdo improvisadas, dos líderes políticos", razoa Ferrari, e lamenta "a ausencia total de coordinación das políticas de saúde entre os Estados membros".

Comentarios