Dimite a ministra británica de Interior: Até cando aguantará Liz Truss no seu cargo?

Oito de cada dez habitantes do Reino Unido suspenden a aínda primeira ministra.
A xa ex ministra británica de Interior, Suella Braverman. (Foto: Europa Press)
photo_camera A xa ex ministra británica de Interior, Suella Braverman. (Foto: Europa Press)

A BBC informou esta cuarta feira da dimisión da ministra de Interior do Reino Unido, Suella Braverman, após levar un mes e medio no cargo.

A dimisión de Braverman, que chega días despois da do titular de Economía, Kwasi Kwarteng, supón un paso máis na escalada de tensión existente no seo do equipo de goberno de Truss, que semella estar a vivir os seus últimos días como dirixente británica.

A política económica de Truss, que levou os propios deputados e deputadas do Partido Conservador a reverter as medidas de corte neoliberal que o Goberno británico anunciara a finais de setembro, está a ser a principal causa da súa perda de apoios.

Os ‘tories’ levan días a premer para que primeira ministra británica dimita xa que, de non facelo, as normas internas do Partido Conservador impiden que até a metade de 2023 se poida producir unha moción de censura interna.

Na busca dun novo liderado

Os medios británicos trasladan distintos nomes para substituír Liz Truss, enunciados polos deputados conservadores. O máis repetido é o de Rishi Sunak, que podería liderar a organización xunto a Penny Mordaunt.

Porén, o maior consenso é o de tratar de evitar un adianto electoral (os comicios están previstos en 2024), tendo en conta que as últimas enquisas apuntan a unha maioría absoluta laborista, co Partido Nacional Escocés en segunda posición.

Neste sentido, o dirixente do Partido Laborista, Keir Starmer, conta cunha aprobación de 41% entre a poboación británica, segundo unha enquisa de YouGov. No extremo contrario atópase Truss, cunha desaprobación de perto de 80% da sociedade do Reino Unido.

Comentarios