Díaz-Canel chama a defender a Revolución cubana

O Goberno de Cuba anunciou esta segunda feira que intensificará as tarefas de explicación das medidas que están a pór en práctica polo aumento de casos da Covid-19, para evitar que as "inxerencias estranxeiras" se aproveiten da situación sanitaria como tentaron, segundo explican nas protestas decorridas o domingo.
Miguel Díaz-Canel, presidente de Cuba, na súa intervención televisada esta segunda feira. (Foto: Canal Caribe)
photo_camera Miguel Díaz-Canel, presidente de Cuba, na súa intervención televisada esta segunda feira. (Foto: Canal Caribe)

“Convocamos a todos os revolucionarios do noso país, a todos os comunistas a que saian ás rúas en calquera lugar onde se vaian producir estas provocacións hoxe, desde agora, e en todos estes días”, alertou o presidente de Cuba, Miguel Díaz-Canel, nunha intervención televisada desde o Palacio da Revolución, na Habana, poucas horas despois de que decorreran protestas en San Antonio dos Baños.

A cidade, situada a 37 quilómetros da Habana, na provincia de Artemisa, foi a primeira na que os medios internacionais informaron da presenza de numerosas persoas na rúa, nunha convocatoria ás 11.30 do domingo que tamén se estendeu a varias vilas, sobre todo nos municipios anexos a capital, reclamando, entre outras cuestións, a mellora da xestión sanitaria.

Nas manifestacións, que xurdiron días despois da multiplicación de mensaxes nas redes sociais solicitando unha “intervención humanitaria” de fóra polo agravamento da situación derivada da pandemia de Covid-19 na illa, intercaláronse comportamentos pacíficos con actitudes vandálicas, denunciou Granma, tras rexistrarse ataques a comercios e algún vehículo, ademais de lanzamentos de obxectos contra manifestantes a prol da Revolución.

Nun primeiro momento, Díaz-Canel desprazouse a San Antonio dos Baños, onde conversou con parte das persoas que saíran á rúa a protestar, “con persoas do pobo, que teñen necesidades, que están vivindo parte destas carencias”, sinalou o presidente, “que tamén están expresando estas insatisfaccións, pero fano de maneira distinta porque buscaban argumentos, explicacións”.

Porén, acusou de estar alentando as protestas “un núcleo de manipuladores que si se están a prestar aos designios das campañas SOS Matanzas ou SOS Cuba, para que en varias cidades de Cuba houbese manifestacións ou disturbios sociais de este tipo” aproveitando a situación da Covid-19, “isto é moi criminal, nun intre no que a xente deber estar nas súas casas a protexerse”.

O mandatario recoñeceu na súa intervención a gravidade da situación epidemiolóxica -con case 7.000 novos casos de Covid-19 confirmados o domingo, comunicou o Ministerio de Sanidade-, e explicou que a aparición de variantes máis agresivas supera “as capacidades que puidemos crear para atender en institucións estatais estes casos”, tendo que habilitar novos centros e ampliar o tratamento nos domicilios particulares. Ademais destacou a complicada situación sanitaria nas provincias de Matanzas e Ciego de Ávila.

Díaz-Canel defendeu con respecto á campaña pola intervención humanitaria que o principal motivo que limita a capacidade de Cuba de xestionar a aparición de novas variantes da Covid-19 é o bloqueo dos Estados Unidos, que lles impide conseguir no mercado internacional os materiais e subministracións que precisan, “se queren resolver os problemas de Cuba, abran o bloqueo e imos ver como tocamos. Por que non teñen valor para abrilo? Que fundamento legal, moral, sostén que un Goberno estranxeiro pode aplicar esa política a un país pequeno e no medio de situacións tan adversas? Iso non é xenocidio?”.

Pouco despois do chamamento do presidente, multiplicáronse as imaxes de persoas ateigando os concellos da zona metropolitana da capital e dalgunhas provincias, adiantan os medios cubanos, con berros a prol da Revolución e do Goberno cubano que encabeza Díaz-Canel.

Rusia considera "inaceptábel a inxerencia externa"

O Ministerio de Asuntos Exteriores de Rusia apuntou hoxe que está a seguir os acontecementos no Estado caribeño e que considera "inaceptábel" o que ve unha "inxerencia externa nos asuntos internos dun Estado soberano e calquera outra acción destrutiva que fomente a desestabilización da situación da illa".

Pola súa banda, os ministros de Exteriores da Unión Europea trataron a situación en Cuba, que atribúen o descontento por cortes nas comunicacións, indicou esta segunda feira Josep Borrell, representante de Política Exterior da UE.

Comentarios