Díaz-Canel ataca o "terrorismo mediático" nas redes que busca desestabilizar Cuba

"O discurso da represión é unha total mentira", asegura o presidente cubano.
diaz-canel
photo_camera O presidente cubano, no centro da imaxe, na segunda feira (Foto: Miguel Díaz-Canel / Twitter)

O presidente de Cuba, Miguel Díaz-Canel, cualificou de "mentira" e "total calumnia" as acusacións de represión das protestas na illa, que o Goberno cualifica de "disturbios". Concretamente, o mandatario comparounas coas "guarimbas" venezolanas, como "parte do famoso manual polo que se conducen os golpes suaves e as súas diferentes fases".

Para Díaz-Canel, trátase dunha campaña nas redes sociais de "terrorismo mediático", recolleu o xornal oficial Granma. O obxectivo, argumentou, sería complicar o combate contra a Covid-19 e a creación dun escenario de intranquilidade e incerteza no país.

"As convocatorias en redes sociais son totalmente agresivas, chamando ao asasinato, chamando ao linchamento, ameazando, chamando á destrución de instalacións, chamando ao atentado contra vivendas de persoas, e en particular de persoas identificadas como revolucionarias", sinalou o presidente cubano durante a reunión do grupo gobernamental para loitar contra a pandemia.

"Ou sexa, que ese discurso de que o Goberno está a reprimir manifestacións pacíficas ou esa petición que fan de que Cuba ou o Goberno respecten a opinión dos cidadáns é unha total mentira e unha total calumnia", dixo, e subliñou que os que se manifestan non o fan "de maneira pacífica".

Neste sentido, pediu non deixarse "intoxicar" polas redes sociais, lugares onde se pretende "construír unha realidade" dunha Cuba "desordenada, ingobernábel, que está de estalido en estalido", criticou, e salientou o uso de fotos de apoio á Revolución "como se fosen actos públicos en contra". 

Díaz-Canel recoñeceu que Cuba "non sempre" ten "os resultados que necesitan", "non sempre dispón dos recursos necesarios", mais atribuíu esta circunstancia ao bloqueo por parte dos EUA.

Apoio do ALBA

Neste sentido, os países da Alianza Bolivariana para os Pobos da nosa América-Tratado Comercio dos Pobos (ALBA-TCP) expresaron o seu "total respaldo" ao Goberno cubano a través dun comunicado; repudiaron calquera "intento de desestabilización" da illa por parte de terceiros; e exixiron "o levantamento inmediato de todas as medidas coercitivas unilaterais aplicadas por Estados Unidos".

Cidadáns cubanos saíron ás rúas nos últimos días para expresar o seu descontento pola carestía de produtos básicos, como alimentos e medicinas. As mobilizacións, segundo denuncias dos participantes, foron reprimidas con dureza pola Policía. O Goberno cubano respondeu ás acusacións internacionais sinalando que viu "escenas peores" de represión policial en Europa. 

Comentarios