Díaz Ayuso cualifica de “grandes” aos ultras fascistas do Frente Atlético

Seguidores de extrema dereita do Atlético de Madrid están relacionados cos asasinatos de Jimmy e Aitor Zabaleta, seareiros do Dépor e Real Sociedad.

frente atletico ultas fascistas
photo_camera Frente Atlético (Europa Press)

“Grandes”. Así respondeu Isabel Díaz Ayuso, presidenta da comunidade de Madrid, nas redes sociais ao ofrecemento de axuda como voluntarios perante o coronavirus realizada polo Frente Atlético, os ultras do Atlético de Madrid, de ideoloxía fascista e cuxos integrantes están relacionados con agresións, ameazas e 'cacerías' a persoas inmigrantes, homesexuais ou de ideoloxía independentista e de esquerdas.

As simpatías e alianzas do Frente Atlético coa ultra dereita son coñecidas e notorias, e eles mesmos deixan clara a mesma en toda a súa parafernalia, con abundacia de símbolos, lemas e iconografía españolista, xenófoba e supremacista.

Aliás, os sectores ultras ligados ao Atlético de Madrid están ligados a dous asasinatos. Un, o de Aitor Zabaleta, seareiro vasco da Real Sociedad acoitelado nas proximidades do Vicente Calderón (antiguo estadio atlético) o 8 de decembro de 1998, por Ricardo Guerra, vinculado ao grupo Bastión do Frente Atlético.

Un asasinato coreado desde sectores das bancadas onde se ubica o FA durante anos cando, nos partidos contra equipas vascas, berraban: “Aitor Zabaleta, era de la ETA” ou “Zabaleta, jódete”.

Outro asasinato foi o do galego Francisco Javier Romero 'Jimmy' o 30 de novembro de 2014 e tamén nas proximidades do Calderón. 'Jimmy' era un dos seareiros deportivistas desprazados a Madrid para apoiar a súa equipa no partido contra o Atlético de Madrid. Unha emboscada de ultras do Atlético e diversos colectivos fascistas rematou coa morte deste coruñés por traumatismo cranoencefálico apños ser botado ao río Manzanares. Un caso que se fechou en 2018 sen que a xustiza identificase os asasinos, que continúan impunes. 

diaz ayuso frente atletico

Comentarios