Díaz apela a unha "reflexión conxunta" do Goberno de coalición tras o xiro do PSOE na posición sobre o Sáhara

A vicepresidenta do Executivo manifestou a súa preocupación pola reacción de Alxeria e sinalou que Pedro Sánchez debe dar explicacións.

EuropaPress_4296334_i_d_vicepresidenta_tercera_ministra_transicion_ecologica_reto_demografico
photo_camera Pedro Sánchez e Yolanda Díaz, nunha reunión cos axentes sociais o pasado 7 de marzo (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social do Goberno español, Yolanda Díaz, apelou a unha "reflexión conxunta" do Executivo de coalición tras o xiro do PSOE para apoiar o plan de autonomía marroquí para o Sáhara Occidental.

Díaz expresou, á chegada á gala de entrega dos premios Mestre Mateo este sábado na Coruña, a súa "tristura" e a de Unidas Podemos por esta mudanza a respecto do Sáhara e manifestou a preocupación pola reacción de Alxeria, que chamou a consultas o embaixador en Madrid.

"Estamos a vivir momentos moi difíciles e creo que dalgunha forma o Goberno de coalición debe de reflexionar", subliñou Díaz a respecto da cuestión.

Neste sentido, lamentou que á "gran crise económica e social" e á "crise enerxética de primeira magnitude", agora se sume "a crise co Sáhara". "Apelo a unha reflexión conxunta do Goberno de coalición para estar á altura das circunstancias deste momento histórico", insistiu.

Díaz incidiu, ademais, en que non coñecía a posición do Goberno e recordou que ela sempre traballa con "lealdade" ao presidente, Pedro Sánchez, con quen comparte todas as decisións importantes.

Para rematar, sinalou que tanto o presidente como o ministro de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación, José Manuel Albares, teñen que explicar por que deron este paso, de formas "non correctas".

Alxeria non foi avisada

Por outra parte, fontes diplomáticas alxerinas fixeron saber que o Goberno español nunca informara de antemán a Alxer sobre a mudanza de postura, tal e como afirmaron este pasado sábado fontes gobernamentais.

Madrid asegurou que informara "previamente" a Alxer, fronte á "sorpresa" expresada polo Executivo alxerino, que acabou chamando a consultas o seu embaixador en Madrid, Said Musi.

Comentarios