A Diada clama contra a represión e a desunión

A manifestación masiva outro 11 de setembro en Barcelona pon o foco na unidade e preséntase como o primeiro acto de rexeitamento das sentenzas contra os presos políticos. A Assemblea Nacional Catalana consegue reunir uns 600.000 manifestantes e o presidente da Generalitat, Quim Torra, di que a cuestión da independencia estará "no centro" da axenda política a partir deste 11 de setembro.
Imaxe ANC Manifestación desta cuarta feira, 11 de setembro, en Barcelona
photo_camera [Imaxe ANC] Manifestación desta cuarta feira, 11 de setembro, en Barcelona.

A Diada 2019 arrancou en Barcelona como unha gran mobilización social para denunciar a represión do Estado español sobre a cidadanía de Catalunya e como voz de alerta diante das divisións entre os partidos e as forzas sociais independentistas respecto da estratexia a seguir, e co pano de fondo dunha sentencia contra os presos políticos cataláns que se espera moi dura noutro episodio da represión.

Os chamamentos á unidade foron constantes xa desde pola mañá nos diferentes actos. O Òminium Cultural conseguiu reunir aos partidos independentistas e aos sindicatos, mesmo á Assemblea Nacional Catalana (ANC), cos Comúns, e tamén con Ada Colau, nunha iniciativa enfocada á demanda de absolución dos presos e que La Vanguardia cualificou de "aposta pola transversalidade". Leuse unha carta de Jordi Cruixart, o presidente do Òmnium hoxe na cadea, na que este reclama diálogo: "Quérennos divididos entre partidarios do diálogo e da confrontación, pero a defensa permanente do diálogo é a única vía para a resolución do conflito".

Sen os Comúns e sen 'fila 0' para os representantes políticos, a manifestación da Diada arrancou pola tarde entre proclamas contra a represión e contra a división entre os partidos independentistas. Mentres Carles Puigdemont seguía a xornada pola televisión desde Waterloo, o presidente Quim Torra asistía á manifestación xunto a membros do Govern e parlamentarios do JxCat que afirmaban: "A mellor resposta á sentencia é a independencia", segundo informou o Diari Ara

Uns 600.000 manifestantes, segundo a Guàrdia Urbana de Barcelona, participaron na protesta. Desde ERC, Pere Aragonès, vicepresidente do Govern, advertiu: "Que aprendan, non vimos a renunciar, viñemos gañar". María Sirvent, deputada da CUP, indicaba: "Hoxe comezamos a responder á sentenza", mais cuestionaba o papel do Govern: "a súa política non se corresponde coas reivindicacións do movemento popular".

Elisenda Paluzie. ANC. 11 de setembro do 2019Elisenda Paluzie, presidenta da Assemblea Nacional Catalana, a entidade organizadora da Diada, tomou a palabra para amosar determinación. "Non cederemos á chantaxe. Quérennos facer crer que a independencia non é posíbel. Pero demostrarémosllelo, non só ao Estado, senón tamén aos nosos representantes políticos".  A ANC traballou arreo estes meses para subliñar tanto a pluralidade do independentismo como o obxectivo común: a independencia. Desde o Govern, Quim Torra advertiu que a partir de agora esa cuestión estará "no centro da acción política". 

"A violencia non é pasividade senón acción. O xigante que enfrontamos ten os pés de barro", animou Paluzie aos manifestantes, e cun "Viva Catalunya libre!", rematou o seu discurso mentres os asistentes berraban "independencia!".

"O independentismo recupera o pulso na rúa para exixir unidade estratéxica", resumía a media tarde na portada Nació dixital

Incidente no Parlament

Unhas 300 persoas concentrábanse a última hora da tarde ás portas do Parlament, en Barcelona, en resposta a unha convocatoria realizada polas redes sociais que convidou a encerrar a cámara catalá. Os Mossos d'Esquadra identificaron a dous dos participantes despois de que se producira lanzamento de pedras contra o cordón policial.  

Por outra banda, segundo informa VilaWeb, a CUP e algunhas outras organizacións da esquerda independentista manifestáronse como todos os días 11 de setembro no centro de Barcelona para reclamar o camiño da desobediencia baixo o lema: "Organizamos o poder popular. Cara á independencia non hai atallos". 

Presenza galega: Anova e BNG

Miranda, Cela e Lobeira, na Diada 2019 en BarcelonaUnha delegación do BNG, integrada por Ana Miranda, a portavoz do BNG en Europa; por Bieito Lobeira, secretario de organización, e polo responsable de Relacións co Estado, Rubén Cela, participou en Barcelona nos diferentes actos, invitada por ERC. Tamén Anova participou cunha delegación na celebración da Diada. Os actos do Día Nacional de Catalunya deron comezo cunha ofrenda floral diante do monumento a Rafael Casanova. A delegación do Bloque participara onte, terza feira, nunha reunión da coalición Agora Repúblicas (coa que o BNG se presentou ás eleccións europeas) para valorar os resultados electorais do pasado 26 de maio.

[Noticia en actualización]

Comentarios