Dez millóns de crianzas máis, a un paso de morrer de fame

Na actualidade, 22 millóns de crianzas menores de 5 anos, embarazadas e nais lactantes dependen da alimentación especializada e dos micronutrintes con que as fornece o PMA para evitar e tratar a desnutrición. A pandemia da COVID-19 ameaza a súa supervivencia.
africa_desnutricion
photo_camera O Programa Mundial de Alimentos alerta dos efectos da pandemia (wfp.org)

Outros 10 millóns de crianzas máis en todo o mundo poderían enfrontarse este ano á desnutrición aguda como resultado da pandemia da COVID-19, o que as deixaría a un paso de morrer de fame, segundo as últimas estimacións do Programa Mundial de Alimentos (PMA).

A axencia da ONU sostén que a forma máis grave de desnutrición entre os menores podería aumentar 20% como resultado do coronavirus, debido entre outras cousas ao impacto que este está a ter nas familias máis vulnerábeis, que dependen de traballos diarios ou das remesas para subsistir.

Ademais, o confinamento e a restrición de movementos en numerosos países están a ter un forte impacto nos medios de vida, agravando ameazas xa existentes como os conflitos e os fráxiles sistemas de saúde. Provocando, tamén, nalgúns casos unha suba de prezos que fai imposíbel facer unhas dieta nutritiva.

Ante este panorama, a directora de nutrición do PMA, Lauren Landis, advertiu de que "de non actuarmos agora, enfrontarémonos a unha devastadora perda de vidas, de saúde e de produtividade nas xeracións futuras". "Recibir a nutrición adecuada agora determinará se as consecuencias da COVID-19 para as crianzas se deixarán sentir durante meses, anos ou mesmo décadas", subliñou nun comunicado.

Máis indefensos a doenzas

O PMA salientou que as nenas e os nenos desnutridos, especialmente os menores de 5 anos, corren o risco de figurar entre as primeiras vítimas da pandemia e dos seus efectos socioeconómicos, posto que son máis vulnerábeis ás enfermidades e teñen menos capacidade para poder reaccionar.

A desnutrición aguda é provocada por un consumo inadecuado de alimentos ou por enfermidades ─entre estas as diarreas continuadas─, ou ambas as dúas cousas, que provoca no neno unha perda repentina de peso. De non ser tratada a tempo, salientou a axencia da ONU, pode levar á morte.

Na actualidade, 22 millóns de crianzas menores de 5 anos, embarazadas e nais lactantes dependen da alimentación especializada e dos micronutrintes con que as fornece o PMA para evitar e tratar a desnutrición. A axencia da ONU está disposta a incrementar esta asistencia mais para iso necesita "urxentemente" 300 millóns de dólares, advertiu.

Comentarios