Detrás do triplo asasinato de París "percíbese o selo executor dun Estado"

A portavoz da Iniciativa Internacional Freedom for Abdullah Oçalan Havin Guneser afirmou esta quinta feira en Euskal Herria que detrás do triplo asasinato de tres activistas curdas en París "se percibe o selo executor dun Estado".

Guneser compareceu en conferencia de imprensa co portavoz da esquerda abertzale, Pernando Barrena. Enfatizou que estamos ante asasinatos perfeitamente planificados e perpetrados a sangue frío e lembrou que o Estado turco ten recorrido a prácticas de terrorismo de Estado en cada ocasión en que o PKK (Partido dos Traballadores do Curdistán) ten lanzado iniciativas de diálogo e pacificación.

A portavoz de Freedom for Abdullah Oçalan veu dicer que o atentado de París visaba condicionar ou mesmo torpedear as negociacións actualmente en curso entre Ankara e o presidente do PKK. Mais tal cousa non virá acontecer porque a parte curda ten decidido non abandonar as conversas.

A paz, acrecentou Guneser, só poderá vir a construírse "desde a verdade, o recoñecimento e o respeito de todos os dereitos, e tamén desde a negociación en igualdade de condicións".

Por súa parte, Pernando Barrena demandou a Ankara que cese na súa campaña de asasinatos e detencións de militantes curdos.

Comentarios