OS XORNALISTAS, RETIDOS DURANTE SEIS HORAS, XA ESTáN EN GRECIA

"Detivéronnos malia ter a acreditación do Ministerio de Asuntos Exteriores serbio"

Os enviados especiais de Sermos Cristian López e Felipe Carnotto tiveron que pagar unha multa para seren liberados

Felipe Carnotto e Cristian López [Foto: Pavi]
photo_camera Felipe Carnotto e Cristian López [Foto: Pavi]

Após seis horas retidos pola Policía serbia e o pagamento dunha multa por "cruzar a fronteira de xeito ilegal", os xornalistas Cristian López e Felipe Carnotto, enviados especiais de Sermos Galiza para cubrir a crise dos refuxiados, atópanse xa en Grecia, onde están a seguir as eleccións xerais. Nesta entrevista relatan como foi a súa detención e como están a vivir o éxodo de milleiros de persoas cara ao norte de Europa. 

Como foi a vosa detención? Onde estabades?
Cruzabamos desde Tabanocve seguindo un grupo de persoas refuxiadas. A metade de camiño, unha patrulla serbia pediunos a documentación. Nada indicaba cal era a liña fronteiriza. Tiñamos pasaporte, carné de prensa e acreditación do Ministerio de Asuntos Exteriores de Serbia para traballar na zona. Mais tras facer comprobacións, dixeron que tiñamos que acompañalos ao centro militar/policial. Alí estivemos unhas tres horas, mentres tramitaban a denuncia. Léronnos os nosos dereitos e ofrecéronnos chamar un avogado, familias ou embaixada. Logo fomos conducidos aos xulgados, onde esperamos outras tres horas até que a xuíza decidiu cal era a sanción.

Detiveron a máis xornalistas nese momento?
Non. Mais os mesmos policías contáronnos que nos pasados días detiveran a tres xornalistas  (un checo, un francés e un estadounidense) polo mesmo motivo.

Por que os axentes non fixeron caso da acreditación do Ministerio cando llela mostrastes?
Dixeron que estabamos a pasar ilegalmente a fronteira, mais nin sequera confirmaron coa representante serbia o permiso. Unha patrulla alemá, que controla tamén a fronteira, achegouse para comprobar que non se excedían. Tratáronnos ben, malia facer brincadeiras con que iamos ter problemas.

A multa que tivestes que pagar a que responde?
A multa é por cruzar ilegalmente a fronteira. Segundo o procurador, a sanción vai de 100 a 500 euros. Finalmente resolveron en 50 euros cada un (ou cinco días de arresto) e deixáronnos libres. Chamounos a atención que pagamos a multa en metálico á propia xuíza, que contou os billetes (uns 19.000 dinares serbios) para darnos o salvoconducto. Logo marchamos do país cara a Macedonia, e na fronteira volveron a revisar con celo os nosos pasaportes.

"O máis curioso é o desleixo da Policía a respecto das mafias e grupos organizados"

Cal é a situación que se está a vivir na fronteira entre Serbia e Macedonia? Cantos refuxiados poden pasar nun día?
Cada día pasan un mínimo de 2.000 persoas. Mais unha semana atrás chegaron a atravesala até 9.000, segundo cifras das organizacións humanitarias. A situación é caótica. Camiñan durante case unha hora cara Miratovac, un pequeno pobo de poboación albana e musulmá. Logo son transportados a Presevo, a uns cinco quilómetros, onde son rexistrados e amoreados nun centro de refuxiados. Cando o número supera as dimensións do campo dormen ao raso ou en hoteis ilegais. Despois parten en autobuses e taxis cara á fronteira con Croacia.

Podedes dicir que a Policía actúa con exceso de celo? É dura cos refuxiados?
Non. A policía non actúa contra os refuxiados. Desde que se estabeleceu o paso, pola presión internacional, tratan de xestionar o máis rápido posíbel o seu tránsito por Serbia cara ao norte de Europa. O máis curioso é precisamente a falta de actuación (cando non connivencia) fronte a mafias e grupos organizados que fan negocio transportando a refuxiadas. Os propios taxistas locais, con licencia legal, evitan pasar polos puntos onde se concentran as mafias.

En que condicións se atopan?
Chegan visiblemente exhaustos e fartos das dificultades. Moitas familias con crianzas e xente con historias moi duras. Os campos son polo xeral precarios. Só contan coa axuda de organizacións humanitarias e voluntarios que lles facilitan auga, leite, zapatos ou comida. O único que queren é chegar canto antes a un lugar seguro. 

Comentarios