Tres detidos en Xaén acusados de secuestrar a filla durante 22 días para practicarlle un exorcismo porque "tiña o mal dentro"

Os detidos, que quedaron en liberdade con cargos, son os pais da vítima e mais o seu ex sogro.
Os implicados son o pai e nai da vítima e mais o seu ex sogro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A moza divorciárase recentemente e iso fora a escusa dos implicados para afirmar que tiña "o mal dentro do corpo". (Foto: Nós Diario)

A Policía Nacional detivo en Linares (Xaén) tres persoas acusadas de reter ilegalmente durante 22 días a súa filla de 27 anos para "practicarlle un exorcismo" co fin de "expulsar o demo do seu corpo". Os detidos, que quedaron en liberdade con cargos, son os pais da vítima e mais o seu ex sogro, que se desprazaron expresamente a esta localidade para realizarlle o ritual porque se divorciara e "tiña maldade no corpo".

Os feitos, segundo informou a Comisaría Provincial, ocorreron contra as 20 horas do pasado 23 de xaneiro, cando os axentes acudiron a unha vivenda dunha rúa de Linares onde se estaría a producir un episodio de violencia machista. Unha vez no lugar abríronlles a porta un home e unha muller de orixe paquistaní, quen negaron aos axentes que no interior da vivenda pasase algo.

Porén, os axentes comezaron a escoitar berros que facían pensar que alguén estaba a sufrir algún tipo de agresión física no interior da vivenda. Logo de entrar na casa, atoparon un home corpulento enriba dunha muller á que tentaron acalar tapándolle a boca e agarrándoa polos pulsos.

A vítima era unha moza que estaba moi nerviosa e choraba, e con marcas visíbeis de agresións nos brazos, cara e beizos. Foi a propia moza a que lles comunicou aos axentes que chegara un mes atrás desde o Reino Unido, onde decidira divorciarse do seu marido. Cando chegou á casa dos seus pais en Linares, estes retivérona desde o primeiro día na casa contra a súa vontade, deixando a chave na porta de entrada para evitar que saíse dela.

O terceiro arrestado, ex sogro da vítima, que vivía na mesma casa, acudira a Linares expresamente para "curala". Para iso, tivo que "soprarlle" como parte do ritual relixioso e así "expulsar o demo do seu corpo" realizando un exorcismo que "eliminaría todo mal".

A moza pasou até 22 días retida contra a súa vontade, non a deixaron falar con ninguén e apenas lle proporcionaron comida. Os arrestados aseguraron que precisaba da intervención dun relixioso para curala xa que tiña "a maldade no corpo".

Ante as lesións sufridas pola vítima e en función do manifestado ante os axentes presentes, así como do que presenciaron ao comezo dos feitos, os dous homes e a muller foron detidos e trasladados posteriormente a dependencias policiais. Tras ser postos a disposición da autoridade xudicial, quedaron en liberdade con cargos.

Comentarios