Detido un militar italiano por vender documentos a Rusia

Dous diplomáticos rusos expulsados de Italia.
EuropaPress_2504985_handout_21_november_2019_italy_sicily_the_first_of_five_rq-4d_aircraft_of
photo_camera Os ficheiros contiñan datos da OTAN. Na imaxe un dron en Sicilia (Christian Timmig / OTAN)

O Goberno de Italia expulsou esta cuarta feira, 31 de marzo, dous diplomáticos rusos despois de que a Policía informara da detención dun capitán da Mariña pasando documentos a un militar ruso a cambio dunha contía económica, que ascendería a 5.000 euros.

Os dous militares foron arrestados nun aparcadoiro de Roma e están acusados de "serios crimes relacionados con espionaxe e a seguridade do Estado", segundo fontes policiais consultadas por axencias internacionais. Segundo a italiana Ansa, entre os ficheiros habería documentación da OTAN. 

Estas mesmas fontes facilitaron tamén o nome do capitán, Walter Biot, aínda que ningún dos dous sospeitosos foi identificado oficialmente polo momento. Si que se sabe xa que o militar ruso é membro do persoal da embaixada de Rusia. 

O Goberno de Italia convocou de maneira inmediata o embaixador, Sergey Razov, e expulsou  dous funcionarios rusos supostamente implicados nun caso cualificado de "extremadamente grave" polo ministro de Exteriores italiano, Luigi Di Maio.

"A acusación de espionaxe aos oficiais italiano e ruso proba que debemos continuar traballando de preto con Europa e cos nosos aliados co fin de mellorar constantemente as nosas ferramentas para protexer a seguridade e o benestar da nosa cidadanía", afirmou Di Maio.

Moscova quita ferro

As axencias de noticias rusas, citando a embaixada en Italia, confirmaron que as dúas persoas expulsadas eran agregados militares, aínda que non se confirmou se un deles era a persoa que se reuniu con Biot.

Os comunicados desde Moscova quixeron quitar ferro ao incidente, despois dunha época de estreitas relacións, sinalando que lamentaban as expulsións, mais que non ameazaban as relacións bilaterais entre Rusia e Italia. Neste mesmo sentido xa se manifestara nun comunicado previo o Kremlin, afirmando que descoñecían as circunstancias do caso, mais que agardaban manter unha relación positiva e construtiva con Roma.

O incidente únese a unha serie de acusacións de espionaxe contra Rusia por parte de países europeos. Bulgaria expulsou varios diplomáticos en marzo, e Países Baixos fixo o mesmo en decembro. As detencións en Italia foron ordenadas pola Fiscalía tras unha longa investigación conxunta entre Policía e Exército.

Comentarios