Detidas 350 persoas nos protestos contra abertura da nova sede do BCE en Francfort

As mobilizacións foron convocadas polo colectivo anticapitalista Blockupy. Denuncian o despilfarro de diñeiro público e as consecuencias sociais das políticas comunitarias.

Francfort(1)
photo_camera Francfort [Imaxe @ThassilovBzB]

Esta cuarta feira a cidade de Francfort (Alemaña) acolleu importantes mobilizacións contra a cerimonia de inauguración da nova sede do Banco Central Europeo cuxa construción custou 1.300 millóns de euros --400 millóns máis que o previsto inicialmente. 

Os protestos, convocados polo colectivo anti-capitalista Blockupy e aos que asistiron representantes do Parlamento europeo, entre eles a europarlamentar de AGEE, Lidia Senra e o deputado da candidatura 'Os pobos deciden' Josu Juaristi (EH Bildu), remataron con fortes enfrontamentos entre a policía alemá e @s manifestantes. 

Segundo as autoridades policiais recollidas pola BBC a cifra de detid@s ascendería a 350 e ducias de persoas terían resultado feridas logo das cargas policiais que incluíron canóns de auga a presión e esprais de pementa. Coches ardendo e pedras foron a resposta desde a manifestación ao forte continxente policial despregado polas autoridades alemás e cuxo obxectivo era "protexer" o edificio. 

No interior, Mario Draghi pronunciou o seu discurso acompañado por representantes dos Bancos Centrais dos Estados membros da unión monetaria. O presidente do BCE o edificio é "a casa do euro" e símbolo "do mellor que Europa pode conseguir xunta". Porén, desde Blockupy denuncian que a sede do BCE reflicte as medidas de austeridade impostas a algúns dos estados que integran a Unión como Grecia, Portugal ou Chipre. 

"Queren capitalismo sen democracia", aseguran @s activistas, "nós queremos democracia sen capitalismo".

Comentarios