Detidas 13 persoas pola sabotaxe ao valo entre Polonia e Bielorrusia

Unha trintena de afgáns seguen varados na fronteira.
EuropaPress_3890335_19_august_2021_poland_usnarz_gorny_polish_border_guards_stand_guarding_the
photo_camera Axentes polacos na fronteira con Bielorrusia (Foto: Attila Husejnow / SOPA)

Axentes da Policía e gardas de fronteiras detiveron 13 persoas ─12 de cidadanía polaca e outra neerlandesa─ na fronteira entre Polonia e Bielorrusa, en Usnarz Górny, despois de levar un acto de sabotaxe simbólico ao destruír parte do valo con concertinas que Varsovia está a construír en resposta ao conflito migratorio co país veciño.

Segundo o ministro do Interior, Mariusz Kamiński, os activistas terán que afrontar consecuencias criminais, mandando unha ameaza ante posíbeis accións similares. Nese punto fronteirizo, 32 persoas de nacionalidade afgá acampan desde hai case tres semanas á espera de que Polonia lles permita acceder a territorio da UE, segundo informou a Fundacja Ocalenie ("Fundación Rescate). 

"Polonia foi un dos países que participou nas operacións militares canda os Estados Unidos, dentro da alianza da OTAN. Da situación da poboación afgá ─deixada á mercé dos fundamentalistas islámicos─ somos todos hoxe parte responsábeis. Non obstante, temos unha responsabilidade especial cara ás persoas refuxiadas que chega ao noso país", sinalaron os activistas nun comunicado. 

O Tribunal de Estrasburgo decretou medidas cautelares a semana pasada, ordenando a Polonia e Letonia que faciliten auga, comida, roupas, atención sanitaria e, de ser posíbel aloxamento temporal ás persoas refuxiadas que permanecen varadas na fronteira con Bielorrusia.

De acordo cunha enquisa publicada por Polsat TV, máis da metade (54%) da poboación polaca está en contra de que entren no país persoas inmigrantes e refuxiadas.

Colaboración con Lituania

Ademais, as autoridades de Polonia anunciaron esta segunda feira o envío a Lituania dun grupo de axentes de Policía para axudar o país a custodiar a súa fronteira con Bielorrusia. Kamiński insistiu en que o aumento do fluxo migratorio é "unha represalia" por parte do presidente bielorruso, Alexander Lukashenko. É "unha vinganza polo feito de que os dous países se converteron en lugares seguros de refuxio para a oposición bielorrusa", declarou ao xornal Dziennik Gazeta Prawna, sinalando que busca "repetir" unha crise migratoria na UE como a de 2015.  

Ademais, acusou a Lukashenko de transportar en avión "desde Oriente Próximo, desde África" estas persoas "dicíndolles que as fronteiras da UE están abertas. Non, non están abertas e non se poden abrir". A maioría das persoas que entran en Polonia, Letonia e Lituania de forma ilegal chegan fuxindo de países en conflito como o Iraq ou Siria. 

Comentarios