Deteñen Mikel Irastorza, presunto chefe do aparato loxístico militar de ETA

A policía francesa arrestou en Azkaine Mikel Irastorza nunha operación que continúa aberta. De acordo con fontes policiais, Irastorza tería substituído David Pla e Iratxe Sorzabal -detidos en 2015- como novo chefe da organización.

ETA
photo_camera Militantes de ETA supervisan un arsenal con membros da Comisión Internacional de Verificación

A operación que desembocou na detención de Irastorza -segundo informou a SER- foi produto da colaboración entre a policía francesa e a Garda Civil española.

Fontes policiais citadas por Efe afirman que o dispositivo continúa aberto e que estarían no albo outros cinco militantes liberados da organización armada.

Este golpe policial a ETA chega despois de que o pasado 11 de outubro unha operación tamén da policía francesa en colaboración coa Garda Civil española desmantelase un zulo con armamento da organización.

Continúan nas cadeas, dispersos nun total de 74 centros penitenciarios, 427 presos de ETA, 104 dos cales áchanse en solo francés

ETA dirixira varias cartas ao presidente da República francesa, François Hollande, para lle oferecer a abertura dunha mesa de diálogo. O asunto dos presos e da entrega das armas continúa sobre a mesa, quer na interlocución con Madrid quer con París. Mais os Estados non queren saber nada. Só agardan a disolución da banda. ETA négase porque, aínda que desbota totalmente o retorno á actividade armada após decretar o cesamento definitivo da violencia o 20 de outubro de 2011, pensa que aínda ten un papel que xogar mentres continúen nas cadeas os seus 427 presos (104 dos cales se achan en cadeas francesas). Os presos de ETA están dispersos nun total de 74 centros penitenciarios.

A vontade de ETA, expresa xa á altura de marzo de 2014, é selar os seus arsenais baixo a supervisión dunha Comisión de Verificación Internacional. "O proceso de selados de arsenais ten comezado e o compromiso é o levar até o final, até o último arsenal", afirmaba daquela a organización. Segundo diversas fontes, a día de hoxe ETA aínda ten armacenados en distintos zulos 200 armas de fogo e entre dúas e tres toneladas de explosivos.

A oferta de diálogo de ETA -desarme en troca de conversas sobre o fin da dispersión penitenciaria e a saída escalonada dos presos- non atopou até agora ningunha resposta positiva nen por parte de Madrid nen por parte de París.

Comentarios