Detencións en Xerusalén nas protestas contra Netanyahu

Por outra banda, máis de dous millóns de usuarios de redes sociais no Irán levaron a cabo tamén nesta cuarta feira unha protesta online para frear a execución de tres mozos que participaron nas manifestacións do ano pasado.

EuropaPress_3235727_14_july_2020_israel_jerusalem_people_take_part_in_protest_against_israeli (1)
photo_camera Un momento da protesta fronte a residencia do primeiro ministro israelí (Ilia Yefimovich / dpa)

Medio centenar de persoas foron detidas polos enfrontamentos que se produciron entre policías e manifestantes na protesta que tivo lugar na madrugada da cuarta feira, 15 de xullo, en Xerusalén fronte á residencia oficial do primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, pola corrupción.

Miles de persoas concentráronse para expresar o rexeitamento á continuidade de Netanyahu como primeiro ministro despois do acordo de goberno alcanzado co agora ministro de Defensa, Benny Gantz, malia as investigacións por corrupción que hai na súa contra.

O Likud de Netanyahu e o partido Azul e Branco de Gantz negociaron durante meses até alcanzar o acordo, que contempla a alternancia no cargo de primeiro ministro para evitar unha nova repetición electoral esgrimindo, entre outras cousas, que o país necesitaba un Goberno canto antes para xestionar a crise do coronavirus. 

"Un primeiro ministro cunha acusación pendente non ten tempo para xestionar a peor crise económica da nosa xeración [...] Se ten algún sentido da responsabilidade, [...] debe dimitir en favor de alguén que teña tempo para as cuestións de Estado", dixo o movemento de protesta Black Flag nun comunicado.

Gideon Saar, do Likud, defendeu a Netanyahu na televisión israelí asegurando que os manifestantes de Black Flag teñen "unha axenda política contra o primeiro ministro que non ten nada que ver co coronavirus".

Despois de horas de protesta, en que os manifestantes marcharon cara ao centro de Xerusalén bloqueando a vía do tren lixeiro, a Policía interviu para dispersar a multitude dando lugar a enfrontamentos.

Execucións no Irán

Por outra banda, máis de dous millóns de usuarios de redes sociais no Irán levaron a cabo tamén nesta cuarta feira unha protesta online para frear a execución de tres mozos que participaron nas manifestacións do ano pasado contra o Goberno, informou a prensa local.

As protestas comezaron logo de o Ministerio de Xustiza anunciar na terza feira que o Tribunal Supremo confirmara a pena de morte para Amirhossein M., Mohammad R. e Saeed T.

O Goberno describiunos como líderes dos grupos que queimaron autobuses e edificios durante as manifestacións pola suba do prezo dos combustíbeis no marco da crise económica.

Comentarios