Desinformación e estigma pola COVID-19 na África subsahariana

55,8% das persoas consultadas cre que cómpre evitar o contacto coas persoas xa curadas.
africa_coronavirus
photo_camera 69% por cento di que basta con cepillar os dentes a diario (un.org)

A pandemia de coronavirus repite na África subsahariana patróns que xa se detectaran en brotes anteriores doutras enfermidades como o estigma das persoas contaxiadas ou a difusión de rumores, segundo unha enquisa da ONG Save the Children, que chamou a combater non só a COVID-19 senón tamén a desinformación.

Máis de 3.000 entrevistas corresponden a Somalia, onde tres cuartas partes recoñecen que apenas saben nada sobre a doenza. 42% cre que é unha campaña do Goberno, mentres que 27% considera que crea un estigma contra minorías e 32% pensa que sinala os estranxeiros.

Noutros casos, como en Zambia, a maioría non tiña claro como evitar o contaxio. 69% por cento di que basta con cepillar os dentes a diario, e 43% cita o consumo de alcol como profilaxe.

O medo a arrastrar un estigma,  que xa se deixou notar noutros brotes epidémicos como o ébola, pode levar a que posíbeis doentes eviten acudir ao médico por se ver sinalados, tanto durante como despois de pasar a COVID-19. 55,8% das persoas consultadas cre que cómpre evitar o contacto cos xa curados.

O estigma esténdese tamén máis aló do enfermo, como relatou Aissata Boucoum, activista de Malí que recolleu o testemuño dunha amiga "acosada" despois de que o seu tío perdese a vida tras volver do estranxeiro e ser considerado un caso sospeitoso da COVID-19.

O director de Campañas de Save the Children para África, Eric Hazard, cualificou de "moi preocupantes" os patróns de estigmatización, e advertiu de que "a desinformación e os mitos" complican a aplicación de medidas que realmente eviten a expansión da enfermidade.

Comentarios