Deseñan unha copia "case exacta" da vacina de Moderna contra a Covid-19

O obxectivo deste proxecto é fornecer de máis doses aos países máis pobres e con menor acceso á tecnoloxía necesaria para producilas. Mentres tanto, as grandes compañías farmacéuticas seguen a enriquecerse e a vacinación segue rumbos distintos segundo o continente.
Diferentes vacinas para a Covid-19. (Foto: Daniel Karman / Dpa)
photo_camera Diferentes vacinas para a Covid-19. (Foto: Daniel Karman / Dpa)

Un grupo de investigadores da empresa sudafricana Afrigen Biologics and Vaccines, xunto coa Organización Mundial da Saúde (OMS), veñen de deseñar unha copia "case exacta" da vacina de Moderna contra a Covid-19, sen que esta compañía participase do proxecto.

Esta copia da vacina de Moderna foi desenvolta nun centro de transferencia de tecnoloxía liderado pola OMS en Sudáfrica, destinado a crear capacidade para a fabricación de vacinas en países de ingresos baixos e medios.

"As vacinas de Moderna e Pfizer-BioNTech seguen a ir principalmente aos países máis ricos"

Neste sentido, o coordinador do centro, Martin Friede, declarou á revista internacional Nature que o obxectivo deste proxecto "é capacitar a países pobres para que fabriquen as súas vacinas", xa que "as de Moderna e Pfizer-BioNTech seguen a ir principalmente aos países máis ricos".

A empresa privada foi a encargada de rematar a investigación, aplicando o ARNm que codifica unha porción modificada do coronavirus do SARS-CoV-2,  e encapsulándoo nunha nanopartícula de lípidos que fai chegar a vacina ás células.

Sen implicación de Moderna e Pfizer

A OMS intentou involucrar as principais farmacéuticas para que fornecesen de datos e axuda loxística aos equipos de investigación para desenvolver estas novas vacinas, sen que ningunha das compañías respondese.

O traballo de desenvolvemento destas copias estivo marcado polas trabas burocráticas de Moderna e Pfizer, pouco proclives a compartir a súa información e mesmo as súas patentes.

Pese a isto, un dos investigadores que participaron no proxecto, Patrick Arbunholt, asegurou non sentirse "intimidado", xa que os procedementos empregados polo seu equipo "son bastante xenéricos".

Comentarios