xoves 24/09/20

O desemprego cébase cos máis pobres en Portugal

148.000 traballadores con salarios inferiores a 900 euros perderon o seu emprego.
O desemprego cébase cos máis pobres en Portugal

As crises sempre teñen os mesmos pagáns. A destrución de emprego provocado pola pandemia en Portugal está afectando aos traballadores con menos poder adquisitivo, con especial incidencia naqueles cuns salarios líquidos inferiores a 600 euros mensuais. Segundos os dados achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), desapareceron a consecuencia da epidemia 148.000 postos de traballos, todos eles nos niveis de renda máis baixas, aumentado o número de empregados nas categorías salariais a partir de 900 euros.

Os maiores niveis de destrución de emprego concéntranse naqueles traballadores e traballadoras con salarios entre 310 e 600 euros, con 35.000 parados e unha baixa de 35% máis en relación ao segundo trimestre de 2019. Ao tempo, nos operarios e operarias con nóminas de 600 a 900 euros, a caída da contratación baixa en 122.000 persoas e unha porcentaxe de 40%. O comportamento do mercado laboral ten provocado curiosamente unha suba do salario medio de 4,5%, situado agora en 952 euros mensuais, ao ter aumentado o emprego naquelas franxas de poboación onde a renda é mais alta e descendido naqueloutras onde é máis baixa. 

A mocidade é, tamén, en Portugal un dos grupos sociais máis golpeados polo paro. A este respecto, os números fornecidos polo INE destacan que os menores de 35 anos son o segmento de poboación máis afectado polas altas taxas de precariedade e pola temporalidade dos seus contratos. Así, constátase  que mozos, precarios e mal pagados son os que sofren, case en exclusiva, o duro axuste laboral vivido en Portugal entre os meses de abril e xuño. Neste sentido, o INE sinala que “o fenómeno de emprego nos salarios baixos acaba por adiantar o aumento das desigualdades sociais e da pobreza nun contexto económico recesivo”.

O aumento do emprego naqueles segmentos de poboación mellor remunerados remata por compensar a destrución masiva de postos de traballos naqueles grupos de persoas con salarios inferiores a 900 euros. Así, o número de ocupados sube en 5.500 persoas entre aqueles que cobran máis de 3.000 euros ao mes, porén onde máis aumente o emprego, con 59.000 altas é entre os empregados con salarios entre 1.200 e 1.800 euros.

comentarios