domingo 07.06.2020

A desconfianza mutua entre bloques atoa o acordo económico e canga o futuro da UE

Países Baixos e Italia abandeiran as posturas encontradas que seguen a dividir a UE no medio dunha crise sen precedentes, coa ameaza de ocasionar unha ferida demasiado profunda como para cicatrizar sen deixar marca. Os primeiros non queren pagar contas previas; aos segundos arrepíalles a pantasma da 'troika'.
O presidente do Eurogrupo e ministro de Economía portugués, Mário Centeno, nunha imaxe de arquivo (Zucchi Enzo / dpa)
O presidente do Eurogrupo e ministro de Economía portugués, Mário Centeno, nunha imaxe de arquivo (Zucchi Enzo / dpa)

"Despois de 16 horas de debate estivemos perto de chegar a un acordo, mais non estamos aí aínda. Suspendín o Eurogrupo e continuamos mañá, quinta feira. O meu obxectivo mantense: unha rede de seguridade forte da UE ante as consecuencias da COVID-19 (para protexer traballadores, empresas e países) e o compromiso cun plan de recuperación cuantioso". 

Mário Centeno, ministro de Economía portugués ao tempo que presidente do Eurogrupo, confirmaba na súa conta do Twitter, pouco antes das 9 horas de onte, o que se viñera ventando durante toda a madrugada: o enfrontamento entre bloques no seo da UE permanece 15 días despois da primeira xuntanza dos responsábeis das finanzas dos 19 países da zona euro para dar unha resposta económica á crise do coronavirus.

Mais dos dous grupos, por unha banda, Italia, Francia, España, Portugal, Grecia, Irlanda, Bélxica, Luxemburgo e Eslovenia; pola outra, Alemaña, Finlandia, Países Baixos e Austria ─coa mutualización da débeda como eixo da división─, son os Gobernos italiano e neerlandés os que encarnan as posturas máis opostas. Madrid, París e Berlín modularon o seu discurso nas últimas horas. 

Roma vs. A Haia

Por exemplo, a ministra española Nadia Calviño afastábase de Roma pouco antes de comezar a reunión asegurando que "España non ten ningunha necesidade de recorrer a ningún mecanismo de acceso a liquidez" porque ─asegurou─ os últimos resultados dentro dos mercados son "positivos".  

O seu homólogo francés, Bruno Le Maire, fíxose eco en Twitter da mensaxe escrita nesta rede social polo seu colega alemán, Olaf Scholz, ao termo da reunión do Eurogrupo, pasadas ás 8 horas: "Nestas difíciles horas, Europa debe permanecer fortemente unida. Xuntos, con @BrunoLeMaire, fago polo tanto un chamamento a todos os países da zona euro a que non renuncien a resolver estes complicados temas financeiros e a facilitar un bo compromiso para toda a cidadanía". 

Scholz afirmou horas despois ante os medios que están "case" de acordo, mais que cómpre "unanimidade", e que a agarda que esta chegue "antes de Pascua".

Porén, a desconfianza mutua está a atoar a resolución dese "bo compromiso para toda a cidadanía". Os principais desencontros continúan a ser a negativa de Italia a aceptar calquera condición para acceder ás liñas de crédito do fondo europeo de rescates (MEDE) e o rexeitamento dos Países Baixos a que o texto sobre o plan de recuperación inclúa unha mención á mutualización da débeda. 

A Haia insiste en que, pasada a urxencia da crise, o diñeiro do MEDE debe, obrigatoriamente, estar suxeito a reformas estruturais acompañadas. Isto é, o Goberno neerlandés acepta que se use ese diñeiro común para estes momentos de "urxencia sanitaria", mais non sen condicións despois, de se empregar nos investimentos necesarios para a reconstrución da economía.

Os Países Baixos desconfían que ese fondo se utilice por parte dos países máis endebedados para arranxar as súas contas. É dicir, non quere que os Estados que nesta última década "fixeron os deberes" paguen a conta dos que "non os fixeron". Italia ten 135% de débeda, Portugal, 122%, e Francia e España rozan 100%; mentres que a de Alemaña é de 62%, a de Finlandia, 59%, e a dos Países Baixos (52%). 

'Troika'

En Italia ─e nese outro grupo de países endebedados, que xa se viron forzados a profundos recortes sociais tras a crise financeira e crediticia de 2008─ tamén desconfían. Primeiro, non queren botar man do MEDE e avogan polos coronabonos; e segundo, ese condicionamento sóalles a troika (Grecia, intervida entre 2010 e 2018, aínda non se puido recuperar do "rescate"). 

O paquete de medidas de urxencia proposto activaría préstamos a través do MEDE (240.000 millóns), o Banco Europeo de Investimentos (200.000 millóns) e o fondo contra o desemprego proposto pola Comisión Europea (100.000 millóns).

Le Maire e Scholz, informan os medios franceses e alemáns, mediaron sen éxito antes da fin da reunión, que se retomará hoxe, cando estaba prevista a xuntanza do Consello Europeo para culminar as negociacións e asinar os acordos do Eurogrupo.

comentarios