Descobren outra conta Suíza vinculada a Juan Carlos I

Aberta a nome de Lactuva SA, unha sociedade offshore panameña.
Juan Carlos I de Borbón en Sanxenxo a finais de 2019 (Foto: Europa Press)
photo_camera Juan Carlos I de Borbón en Sanxenxo a finais de 2019 (Imaxe: Europa Press)

A piques de se facer un ano da súa fuxida, o rei emérito español continúa a ser noticia. O fiscal suízo Yves Bertosa, que investiga as operacións fiscais do Juan Carlos I en Suíza, descubriu unha segunda conta no banco de Xenebra Credit Suisse vinculada ao pai de Felipe VI.

Segundo avanza El Confidencial, que tivo acceso á documentación xudicial que demostra o achado, a conta coa numeración 0251-401740-42 do mesmo banco utilizado pola Fundación Zagatka está aberta a nome de Lactuva SA, unha sociedade offshore panameña.

Sempre segundo o mesmo medio, a citada empresa sería simplemente un ‘testaferro’ profesional de ABA Legal Bureau, bufete  panameño que tamén se encargou de constituír Lucum  Foundation, a mercantil que usou Juan Carlos para cobrar os 100 millóns de dólares de Arabia Saudita que está a investigar a Fiscalía do Tribunal Supremo. De feito, só un dos administradores de  Lactuva SA,  Harmodio Tejera, está relacionado con máis de 2.800 firmas instrumentais.

Álvaro de  Orleans di non saber nada

Sempre segundo El Confidencial, fontes próximas ao caso sosteñen que o auténtico titular desta nova conta de Credit  Suisse é un membro da contorna familiar de Juan Carlos I. Ao parecer, Álvaro de  Orleans, curmán do emérito e suposto administrador de  Zagatka, asegura que tampouco sabe quen se esconde tras Lactuva SA, a pesar de que a súa fundación efectuou tres transferencias de diñeiro á sociedade centroamericana.

Serían precisamente estas operacións bancarias as que permitiron ao fiscal Bertosa descubrir esta segunda conta.. Con estes datos, tanto o fiscal suízo como a Fiscalía do Tribunal Supremo español poden solicitar a Credit Suisse todos os seus movementos así como a información sobre o titular do depósito que consta nos seus arquivos.

Comentarios