Desbotada a proposta de blindaxe da protección das minorías nacionais e lingüísticas da UE

A Comisión Europea considera que a lexislación actual xa a recolle e que cómpre ila desenvolvendo.
lorant_vincze
photo_camera O europarlamentario e presidente de FUEN, Loránt Vincze (Foto: FUEN)

O Parlamento Europeo aprobaba o pasado 17 de decembro unha iniciativa cidadá europea ─unha iniciativa lexislativa popular a nivel da Unión Europea─ co fin de solicitar ás autoridades comunitarias medidas para defender, protexer e promover os dereitos das minorías nacionais e lingüísticas europeas. A iniciativa, Minority SafePack, recolleu máis dun millón de sinaturas e contou, entre outros, tamén co apoio do Parlamento de Alemaña.

A Comisión Europea pronunciouse finalmente ao respecto e fíxoo a través dun comunicado onde salienta que un amplo abano de medidas xa foron tomadas para tratar as cuestións subliñadas na iniciativa popular desde que foi lanzada por vez primeira en 2013.

"Se ben non serán propostas medidas lexislativas adicionais, o desenvolvemento completo da lexislación e das políticas xa existentes provén dun poderoso arsenal para apoiar os obxectivos da Iniciativa", sinala no texto.

Desde a coordinadora da proposta, a Unión Federal de Nacionalidades Europeas (FUEN, en inglés), criticouse con dureza a decisión do Executivo comunitario.

"A posición da Comisión non é máis que unha palmada paternalista no ombreiro, ao tempo que 1.123.422 asinantes agardaban por medidas e accións concretas", sinalaron.

Minoría de 50 millóns

O europarlamentario e presidente de FUEN, Loránt Vincze, manifestou que a decisión "decepcionou os aproximadamente 50 millóns de cidadás e cidadáns da Unión que pertencen a minorías nacionais e lingüísticas". 

"Millóns deles xa viven nunha situación de desigualdade no seu propio país; agora a Comisión Europea, que se supón que é a gardiá da democracia, do imperio da lei, da dignidade e da xustiza, tamén está a darlles as costas", engadiu Vincze. 

Comentarios