Desbotada en Francia a demanda por uso de "axente laranxa" no Vietnam

A demandante, unha muller que di ter graves danos, acusou a máis dunha ducia de empresas.
Tran_To_Nga-vietnamexpress
photo_camera Tran To Nga, de 79 anos, sofre os efectos do herbicida químico (Foto: Collectif Vietnam Dioxine)

O Alto Tribunal de Evry, ao sur de París, rexeitou a demanda presentada contra 14 multinacionais que foron acusadas por unha muller de orixe vietnamita e nacionalidade francesa de lle causaren a ela e a outras persoas graves danos por un axente químico.

En concreto, falou en relación ao uso do herbicida químico "axente laranxa" polo Exército dos Estados Unidos durante a Guerra do Vietnam (1955-1975). 

Ditas empresas, entre as que se atopa Monsanto ─propiedade na actualidade da alemá Bayer─, actuaban en nome dos Estados Unidos por aquel momento, polo que puideron reclamar inmunidade ante a xustiza en Francia.

A demanda foi presentada en 2014 por Tran To Nga, que sofre varias doenzas produto do axente laranxa, despois de traballar como xornalista e activista no Vietnam durante a guerra.

Segundo afirmou, presentará un recurso contra a decisión xudicial.

Os EUA usaron o axente laranxa entre xaneiro de 1965 e abril de 1970 como defoliante para impedir que as tropas do Vietcong se ocultasen na espesura da selva e facer visíbeis as súas liñas de aprovisionamento.

En 1971 deixaron de usalo e abandonaron o país en 1975 tras ser derrotados.

Comentarios