México: a desaparición dos normalistas en Ayotzinapa descobre os crimes de estado

As pesquisas dos 43 estudantes desaparecidos o 26 de setembro de 2014 saca á luz 60 foxas comúns nos arredores de Iguala. Un documentario de TeleSur analiza o caso. 

Ayotzinapa

'Vivos os levaron, vivos os queremos'. Eis a consigna que continúan a berrar as familias dos 43 estudantes normalistas de Ayotzinapa desaparecidos após seren secuestrados polas forzas policiais de Iguala. Malia o tempo decorrido, 10 meses, moitas son aínda as persoas que agardan, esperanzadas, que regresen con vida. Porén, as pesquisas apuntan en sentido contrario e dirixen a ollada cara á un final coñecido no Estado de Guerrero. 

Así as cousas, os erros nas investigacións e os atrancos institucionais --quer do estado, quer do goberno federal-- impiden coñecer que foi dos 43 mozos. Neste senso, a propia Procuraduría Xeral da República (PXR) falseou información sobre o caso, segundo declarou o xuíz, Ulises Bernabe García, participante nun programa de investigación xornalística da Universidade de California, en Berkley.

E é que, ao contrario do que se apuntou inicialmente, os estudantes non terían sido trasladados á Comisaría municipal de Iguala logo do tiroteo que acabou coa vida de 6 normalistas, nen posibelmente tampouco incinerados no vertedoiro municipal como declararon os detidos no caso, a comezar polos integrantes de Guerreros Unidos, grupo paramiliar vencellado ao narco que tería actuado ao servizo do alcalde de Iguala e a súa compañeira, tamén detid@s; xunto con 48 policías municipais de Iguala e 10 de Cocula. 

Xornalistas de investigación e a Comisión de Dereitos Humanos de México denuncian a falsidade da Procuraduría Xeral da República nas investigacións

De igual maneira, a Comisión de Dereitos Humanos de México denunciou o pasado 23 de xullo faltas e omisións no decorrer da investigación que exerce a Procuraduría. O presidente da Comisión, Luis González, apuntou a existencia de "faltas nas averiguacións, falta de atención e asistencia ás vítimas e omisións na práctica de dilixencias ministeriais federais e locais". 

Porén, as pesquisas arredor da desaparición dos 43 estudantes da Escola Rural Normal de Ayotzinapa puxeron ao descuberto unha realidade por moito negada e silenciada, os crimes de estado cometidos polas forzas de seguridade mexicanas. 

Na búsqueda dos normalistas foron atopadas, polo de agora, 60 foxas comúns cos restos de 20 mulleres e 109 homes, nas inmediacións do municipio de Iguala. Ningún deles, sinalaron as autoridades xudiciais, pertencentes aos estudantes. Neste senso, a propia Procuraduría Xeral da República sinalou após ter coñecemento da descuberta, que a cifra de foxas podería aumentar. As mesmas fontes, cifran as persoas desaparecidas en 25 mil 700, a maior parte delas desde que tomou posesión como presidente do país, Peña Nieto, en 2012. 

A historia repítese en Ayotzinapa
Cutberto Ortiz Ramos, de 22 anos, é un dos normalistas desaparecidos. A súa nai, María Araceli, e a súa avoa agardan poder recuperalo vivo. Non é a primeira ocasión que esa familia vive o desespero dunha desaparición forzosa. Na década dos '70 o avó de Cutberto foi secuestrado polo exército mexicano. Nunca máis se soubo del. "Que é o que teñen contra os campesiños, contra os pobres, que é o que quere o goberno?" se preguntan nas declaracións recollidas por TeleSur que fan parte do documentario Ayotzinapa. A historia dos 43. Un crime de estado. 

Superviventes e familiares dos desparecidos apuntan a persecución do proxecto que representan os estudantes da Escola Normal Rural como motivación do crime de estado

Na localidade de Ayotzinapa atópase a Escola Normal na que estudaban os 43 mozos desaparecidos. Un proxecto emanado da Revolución mexicada que visa garantir o dereito á educación nos lugares máis empobrecidos de México. Fill@s de familias agricultoras --obriga para poder estudar nestes espazos-- fórmanse como futuros mestres rurais cun pensamento crítico, conectado coa realidade social que atinxe o pobo traballador mexicano. Das por volta de 40 escolas normais rurais que chegaron a existir en México após a revolución só permanecen abertas 16. A falta de apoio gobernamental, nomeadamente económico, abocou a maior parte delas ao feche. A de Ayotzinapa é unha das máis emblemáticas e nela estudou, entre outros, o líder revolucionario integrante do Partido dos Pobres, Lucio Cabañas. 

No cerne do ataque e desaparición dos estudantes normalistas, as persoas que sobreviviron non dubidan en situar a persecución política como principal motivación. Porén, o estudantado da Normal de Ayotzinapa advirte: "non importa cantos nos maten, cantos nos desaparezan [porque] nós temos identidade". 

Comentarios