Os desacordos sobre a mesa de diálogo marcan o inicio da Diada

O centro de Barcelona énchese de manifestantes convocados pola Assemblea Nacional Catalana con motivo da Diada.
En marcha a manifestación convocada pola ANC este 11-S (Foto: Vilaweb).
photo_camera Manifestantes esperan en Vía Laiatana o inicio da marcha convocada pola ANC este 11-S (Foto: Vilaweb).

A reunión da mesa de diálogo entre o Executivo catalá e o Goberno do Estado, prevista para a semana que vén, marcou os primeiros actos da Diada. Esta sexta feira, na súa primeira intervención, Pere Aragonès pediu xuntar forzas e construír lazos de confianza dentro e fóra de Catalunya para afrontar o proceso de negociación da mesa de diálogo, que prevé que estará chea de obstáculos e necesitará "tempo, unidade e perseveranza", segundo dixo.

Na ofrenda floral realizada esta mañá no monumento a Rafael Casanova, a conselleira de presidencia, Laura Vilagrà, dixo que a Diada é un día para xuntarse, fortalecerse e ir á mesa de diálogo "con toda a forza da xente de Catalunya". Despois das discrepancias entre o presidente da Generalitat, Pere Aragonès, e a presidenta do Parlamento, Laura Borràs, arredor da reunión da próxima semana, Vilagrà pediu unidade: "Afrontamos esta semana con forza e lexitimidade. É unha xanela de oportunidades. Xogamos moito, todo". A conselleira tamén subliñou que este 11-S non se conmemora con normalidade debido ao exilio e á represión, ademais de reclamar o respecto a dereitos fundamentais como a autodeterminación e a amnistía.

ERC

A vicesecretaria xeral de ERC e portavoz Marta Vilalta tamén pediu mobilización para reforzar a independencia antes da reunión prevista para o vindeira quinta ou sexta feira. Engadiu que é necesaria unha alianza entre institucións e cidadáns para que o referendo sexa "invencíbel".

En Comú Podem

Pola súa banda, a presidenta do grupo parlamentario En Comú Podem, Jéssica Albiach, acompañada do presidente do grupo parlamentario no Gongreso de Unidas Podem, Jaume Asens, referiuse a un punto de inflexión para a mesa de diálogo e reclamou "un acordo que debe ser votado nas urnas". "Só acudindo ás urnas poderemos levantar un novo consenso de país", dixo, ademais de pedir a desxudicialización do conflito político e un "facenda propia e solidaria".

CUP

A presidenta do grupo parlamentario da CUP, Dolors Sabater, cre que sería unha falta de respecto que o presidente do goberno español, Pedro Sánchez, non acudise e criticou as propostas dos comúns para a mesa de diálogo porque, ao seu xuízo, reciclan da papeleira da historia ideas da vella Convergència. "Son caducas e autonomistas e non avanzan cara á autodeterminación".

Òmnium Cultural

O presidente de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, tamén se referiu á xuntanza da vindeira semana durante o acto da organización nesta Diada. Cuixart pediu unha gran estratexia conxunta cos partidos soberanistas para a mesa de diálogo. Subliñou que a responsabilidade é seguir presionando, sen ceder á chantaxe da represión. "Todos deben pór a súa proposta sobre a mesa, para debatela e emendala tanto como sexa necesario. A mellor proposta para exercer o dereito á autodeterminación será a que construímos xuntos. Só así sairemos dela como pobo e como nación ", recalcou.

Comentarios