Os dereitos de migrantes na negociación do ‘Brexit’

Bruxelas, disposta a lle conceder ao Reino Unido a posibilidade de excluír operari@s migrantes das axudas sociais durante 4 anos baixo o denominado ‘freo de emerxencia’. 

Tusk e Cameron_Consello europeo
photo_camera Donald Tusk e David Cameron [Imaxe Consello europeo]

Iniciadas as negociacións entre o goberno británico e o Consello europeo sobre o referendo que decidirá a permanencia, ou non, do Reino Unido na Unión Europea, coñecéronse os primeiros avanzos nas conversas que, no entanto, fican aínda lonxe dun acordo.

“Nada está acordado até que todo está acordado”, dixo o presidente do Consello europeo, Donald Tusk, na carta remitida aos Estados membros da Unión xunto cos trazos xerais da proposta que lles achega para manter a integración do Reino Unido perante o referendo que convocará o goberno británico antes de rematar 2017 sobre o futuro do territorio no seo da UE.

Na súa proposta, froito das conversas mantidas co primeiro ministro David Cameron, Tusk propón a aprobación dun dos elementos chave das demandas británicas, a posibilidade de fixar o denominado ‘freo de emerxencia’. Isto é, a exclusión de operari@s migrantes comunitari@s das axudas sociais por un período de 4 anos. Cumpre lembrar que moitas persoas, nomeadamente mozas, emigradas da Galiza nos últimos anos atópanse residindo e traballando no Reino Unido.

Desde o goberno de Cameron apelan a unha saturación dos servizos perante a “masiva” chegada de traballadoras e traballadores doutros Estados membros. Unha cuestión que embora non ser demostrado que cause unha situación de colapso, podería ser aceptada polos 27 o que suporía a incorporación de mudanzas lexislativas nos Tratados da UE facéndose extensíbel a súa aplicación tamén a outros territorios.

De se aprobar o 'freo de emerxencia' este sería incorporado aos Tratados da UE e podería ser aplicado en calquera Estado membro

A proposta deberá ser debatida e votada polos Estados membros e para ser aprobada cumprirá que conte con maioría cualificada. Un proceso que pode demorarse “dúas semanas”, segundo recolle a comunicación do presidente do Consello europeo.

Neste senso, o primeiro posicionamento deberá ser adoptado esta sexta feira nunha primeira xuntanza dos xefes de estado e de goberno da Unión.

Así mesmo, deberán decidir sobre outras cuestións plantexadas polo Consello e a Comisión como solución á hipotética saída do Reino Unido da UE. Entre elas, a posibilidade de que os parlamentos nacionais poidan bloquear propostas lexislativas comunitarias.

Dereito a veto dos parlamentos comunitarios 

Reino Unido visa frear o proceso de integración política introducindo un mecanismo de veto parlamentar que permita a 16 Cámaras (55%, segundo os cálculos da Comisión europea) oporse e obrigar a UE a revisar a proposta ou mesmo desbotala.

Asemade, o Reino Unido quere que, embora non estar na Zona Euro, o seu executivo poida intervir no proceso de toma de decisións sobre a política económica comunitaria.

As negociacións entre a UE e o goberno de Cameron desenvólvense nun contexto convulso e con opinións confrontadas entre os Estados membros que non estarían dispostos a aceptar –malia a proposta do Consello e a Comisión—algunhas das medidas reclamadas.

Entretanto, o euroescepticismo británico aumenta, mesmo entre as ringleiras do partido conservador o que non garante –mesmo de se aceptaren as demandas—que o resultado do referendo ou Brexit sexa favorábel á permanencia na organización internacional. 

Comentarios