A dereita hinduísta podería facerse co poder na India

Os inquéritos a pé de urna sinalan que a opositora Alianza Nacional Democrática retiraría do poder ao Partido do Congreso, de Rahul Gandhi. 551 millóns de persoas votaron nos comicios xerais que se converteron na maior elección do mundo.

modi
photo_camera As enquisas dan por vencedor a Modi

Concluíron as eleccións xerais da India. Logo de seis semanas de votacións que se celebraron por quendas desde o pasado 7 de abril nos diferentes territorios, os que cuantitativamente son os maiores comicios do mundo chegaban esta segunda feira ao seu fin. Cunha participación record do 66%, que supera á obtida en 1984 (64,01%) coincidindo co asasinato de Indhira Gandhi, 551 millóns de persoas exerceron o seu dereito ao voto nos 930.000 colexios electorais habilitados nas 543 circunscricións. 

A opositora Alianza Nacional Democrática podería obter até 289 dos 543 escanos

A falta dos resultados oficiais, que serán proclamados o vindeiro día 16, as enquisas a pé de urna reveladas por varios medios de comunicación indios outorgan a vitoria á opositora Alianza Nacional Democrática (AND), liderada polo hinduista Bharatiya Janata Party (BJP). A NDA podería obter entre 249 e 289 dos 543 escanos do Lok Sabha, a cámara baixa da India. De se verificar estas previsións, que deben ollarse con cautela dado que en 2009 e de maneira grave en 2004 fallaron, a Alianza Progresista Unida (APU) encabezada polo Partido do Congreso, liderado pola dinastía Nehru-Gandhi, vería reducida a súa representación parlamentar a entre 97 a 148 escanos. A maioría cualificada na cámara exixe 272 asentos.

As eleccións están marcadas polo elevado nivel de corrupción, a desaceleración económica e alta inflación. Engádese tamén a falla de carisma que se lle atribúe a Rahul Gandhi, fillo do ex primeiro ministro Rajiv Ghandi e da actual Presidenta do Partido do Congreso Sonia Gandhi, que sería percibido como inexperto e distante, segundo se recolle nalgunhas sondaxes. Gandhi centrou os seus compromisos electorais en prover de sanidade universal e vivenda ás familias pobres e pensións para a xente idosa e con discapacidade.

A derrota electoral tiraría do Goberno ao Partido do Congreso logo de dez anos á fronte do país

O BJP pola súa banda fixo bandeira do éxito denominado “modelo Guajarat”, en referencia á experiencia do seu lider e candidato presidencial Narendra Modi, quen desde 2001 goberna esa rexión do país  aplicando a doutrina neoliberal de privatizacións e desregulación. Porén, non son poucas as voces críticas que cuestionan o referido modelo baseado en importantes facilidades para as grandes corporacións transnancionais (créditos, exención impositiva, electricidade gratis, etc). De feito o estado de Guajarat ten un dos índices de desenvolvemento humano máis baixos da India, cunha elevada pobreza e milleiros de persoas desprazadas. Amais, é sinalado como un dos máis corruptos e conta co maior número de agresións e asasinatos contra activistas. Modi foi acusado de estar implicado na matanza dun millo de musulmáns (que representan o 20% da poboación india) nesa rexión no ano de 2002.

Alternancia, mais non mudanza

A vitoria, inda sen confirmar, do BJP suporá unha alternancia histórica logo de 10 anos de mandato do Partido do Congreso, que de feito gobernou o país durante 49 dos 67 anos decorridos desde a súa independencia. Alternancia, mais non un cambio significativo. Así o advirten diferentes analistas que como Txente Rekondo afrima que “tanto o Partido do Congreso como o BJP, representan modelos elitistas e non mostran ningún interese en falar do sistema de castas que continúa protagonizando boa parte da vida do país”. Para Rekondo, malia advertir do risco para a “propia existencia das minorías” do ascenso do “chauvinismo hindú” que representa o BJP, as dúas principais forzas políticas cadran nun mesmo modelo “controlado polos intereses das grandes corporacións e apoiados polos medios de comunicación dispostos a ocultar a cruel realidade que se vive na India”.
Outros actores políticos

"Tanto o Partido do Congreso como o BJP, representan modelos elitistas" opina o analista Txente Rekondo

Se ben todo indica que as únicas opcións con posibilidades de facerse coa maioría parlamentaria suficiente para designar un novo Primeiro Ministro, son a AND do BJP e a APU do Partido do Congreso, non son estas os únicos actores que concorren aos comicios. De entre as demais forzas cómpre salientar o Aam Admi Party (AAP), coñecido popularmente como o partido “da xente común”. O AAP ten a súa orixe nun movemento anticorrupción, con certo nesgo populista, e despois de obter uns bos resultados nas recentes eleccións municipais en Delhi poderían dar o salto a nivel nacional.

Aliás, nas forzas de esquerda con presenza institucional, nucleadas fundamentalmente no Partido Comunista de India (marxista) --CPIM-- e o Partido Comunista de India --CPI--, con forza nas rexións de Kerala, Tripura, e Bengal, e cunha importante forza a nivel sindical, continúa a recaer a posibilidade de articular un proxecto alternativo ao das elites.

A outra faciana da potencia “emerxente”

India é unha das denominadas potencias emerxentes, articulada canda Brasil, Rusia, China e Sudáfrica nos chamados BRICS.Mais fronte o espectacular crecemento económico, hoxe atenuado por mor da crise, e da súa expansión comercial, a India ten unha faciana diferente á presentada oficialmente. 

680 millóns de persoas non teñen aseguradas as súas necesidades básicas

O 56% da poboación, 680 millóns de persoas, non ten aseguradas as súas necesidades básicas. Centos de millóns viven por baixo do limiar da pobreza.  A nivel laboral aos máis de 80 millóns de persoas que carecen dun emprego, engádense 250 millóns de mozas e mozos subempregados, baixo formas de máxima explotación e sen apenas garantía de ningún tipo. O acceso da muller ao traballo continúa limitado a empregos non cualificados, fundamentalmente no sector primario e concentrados nas áreas rurais.

O racismo e a violencia sexual contra as mulleres, da que son vítimas principalmente as capas máis empobrecidas, continúan a ser problemas vixentes. Feito que Txente Rekondo atribúe ao mantemento, na práctica, do “sistema de castas” que oficialmente se deu por superado. Unha realidade que na súa opinión “dificilmente pode resolverse a través das reformas que preconizan as elites políticas do país” e que, en troca, exixiría “unha profunda revolución para mudar o rumo da India actual”.

Comentarios