A dereita gaña as eleccións na Arxentina

Mauricio Macri, candidato pola coligazón Cambiemos, impúxose por 5 pontos de diferenza.

Mauricio Macri
photo_camera Mauricio Macri [Wikipedia]

En segunda volta (ballotage) e con apenas 5 pontos de diferenza, Mauricio Macri será o novo presidente da Arxentina. O candidato da dereita apañou o 51,41% dos sufraxios nun proceso electoral no que participou o 80% do electorado, segundo fontes gobernamentais. 

Nas eleccións decorridas o 22 de novembro, a coligazón Cambiemos impúxose á Fronte para a Vitoria de Daniel Scioli, o candidato apoiado pola ex-presidenta Cristina Fernández, que conseguiu o 48,6% dos apoios. 

Porén, máis alá dos resultados electorais, a ollada pousa tamén nas consecuencias que esta mudanza gobernamental podería introducir no plano rexional. 

Neste senso, Mauricio Macri asegurou en diversas ocasións durante a campaña electoral que a súa formación non apostará nos procesos de integración impulsados durante as últimas décadas polos gobernos progresistas latinoamericanos, como o Mercosur, o que abriría a porta á re-incorporación da Arxentina nos acordos comerciais promovidos polos EUA, como a Alianza do Pacífico. 

Un feito que preocupa noutros territorios poque podería supor un importante retroceso e mesmo derivar nun efecto dominó que suporía un xiro á dereita tamén noutros países de Latinoamérica. 

Un presidente machista e homófobo

Macri definiuse a si propio. Nos últimos meses en declaracións á imprensa asegurou vir dunha "familia machista" na que "a muller non ten outro destino que o de estar educando as súas crianzas". Neste senso, o que será investido presidente da Arxentina o 10 de decembro asegurou non lle ver lugar ás mulleres "en ningún gabinete". 

Mais non ficou aí. O candidato de Cambiemos sinalou a homosexualidade "é unha enfermidade" e que unha persoa LGTBi "non é cento por cento sá". 

Comentarios