A dereita exixe levantar o "autoritario" feche de Madrid

A batalla por abrir Madrid chegou ao Congreso con Vox e a portavoz do PP que, con semellante radicalidade á da súa antecesora, Cayetana Álvarez de Toledo, cargou contra o Goberno polo "autoritario" feche de Madrid. O ministro Illa avisou que a situación da capital é "moi fráxil" e a dereita acusouno de dar datos falsos. 
A portavoz do PP, Cuca Gamarra (no centro), pediu onte no Congreso a fin da alarma en Madrid (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera A portavoz do PP, Cuca Gamarra (no centro), pediu onte no Congreso a fin da alarma en Madrid (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)

A portavoz do PP no Congreso, Cuca Gamarra, exixiu esta quinta feira, 15 de outubro, ao ministro de Sanidade, Salvador Illa, o levantamento do estado de alarma en Madrid e que entregue á Cámara os informes científicos nos que se baseou para tomar a "autoritaria" medida de fechar a capital.

Gamarra afirmou que os datos de Illa están baseados nuns "indicadores improvisados" coa "exclusiva intención de fechar Madrid baixo sete chaves". 

O ministro de Sanidade, encargado no Congreso de defender o estado de alarma sobre Madrid ante a insistencia de PP e Vox por tumbalo, situou estes partidos no "bloque dos negacionistas" polas súas "provocacións". O reto non é, explicou Illa, que Madrid baixe da incidencia acumulada dos 500 casos por 100.00 habitantes, senón "dobrar a curva de contaxio". 

Catro niveis de alerta

O Ministerio de Sanidade está a traballar nun plan que estabelece catro niveis de alerta, que se medirán con indicadores concretos e comúns a todo o Estado, para coordinar coas comunidades autónomas as restricións por mor da pandemia. Os indicadores para medir a situación en cada territorio terían en conta os datos relativos á situación epidemiolóxica, á capacidade asistencial e de saúde pública e ás características e vulnerabilidade da poboación de cada zona.

Os indicadores de risco divídense en dous bloques e en cinco niveis de gravidade: o primeiro inclúe a incidencia acumulada en 14 días e en 7 días, a incidencia acumulada de maiores de 65 anos en dúas semanas, a positividade global das probas e a porcentaxe de casos con trazabilidade. O segundo bloque repara na ocupación de camas de hospitais e UCI.

Unha vez analizados os indicadores, fíxanse os valores que deberá ter cada un deles para considerar a situación de alerta como extrema, alta, media, baixa ou de nova normalidade. Así, por exemplo, Madrid estaría en risco extremo no apartado de incidencia acumulada de casos diagnosticados.

Con todo, a decisión sobre que alerta se asignará a cada territorio farase atendendo ao conxunto dos indicadores e non só a un. 

Comentarios