sábado 11.07.2020

Dereita e esquerda do Brasil, unidas ante Bolsonaro e a xestión da crise

Presentado un manifesto en defensa "da vida, da liberdade e da democracia", inspirado na histórica campaña da década de 1980 Diretas Já, e asinado por figuras como o ex presidente de centro-dereita Fernando Henrique Cardoso.
América Latina suma un millón de contaxios, a metade no Brasil. Na imaxe, residentes dunha favela (Fabio Teixeira)
América Latina suma un millón de contaxios, a metade no Brasil. Na imaxe, residentes dunha favela (Fabio Teixeira)

Un grupo persoas da arte, da ciencia, da política e de diversas organizacións e empresas do Brasil uníronse en defensa "da vida, da liberdade e da democracia" baixo o paraugas do Movemento Estamos Juntos, que acaba de lanzar un manifesto. 

Con milleiros de sinaturas xa, o texto exixe que "Somos a maioria e exigimos que nossos representantes e lideranças políticas exerçam com afinco e dignidade seu papel diante da devastadora crise sanitária, política e econômica que atravessa o país".

Segundo explicou no xornal O Globo o escritor e columnista Antonio Prata, un dos organizadores do movemento, a intención do movemento e do manifesto é reunir personalidades, e membros da política e da cidadanía de diferentes sectores da sociedade e ideoloxías "em defesa das instituições e fronte a "um golpe contra a democracia".

"Temos ideias e opiniões diferentes, mas comungamos dos mesmos princípios éticos e democráticos. Queremos combater o ódio e a apatia com afeto, informação, união e esperança", sinala o manifesto. Asegura que "somos mais de dois terços da população do Brasil" e exixen que "partidos, seus líderes e candidatos agora deixem de lado projetos individuais de poder em favor de um projeto comum de país". 

O manifesto do Movemento Estamos Juntos fai referencia e inspírase en Diretas Já, a histórica campaña pro democracia que axudou na década de 1980 a acabar con dúas décadas de ditadura militar no Brasil.

Arredor de 200.000 persoas asinaron xa o manifesto, entre as que están senlleiras figuras como o ex presidente Fernando Henrique Cardoso (1995-2002), do centro-dereita.

Intervención militar

América Latina, actual epicentro da pandemia da COVID-19, superou nas últimas horas o millón de casos. A metade, rexistráronse no Brasil, cuxo presidente Jair Bolsonaro participou no domingo en Brasilia nunha manifestación convocada en apoio del e en contra do Tribunal Supremo e do Congreso.

Ducias de manifestantes reuníronse ás portas de ambas as dúas institucións, con berros de "censura", despois de as autoridades ordenaren a detención de varios blogueiros partidarios do mandatario, acusados de difundir numerosas noticias falsas e ataques contra maxistrados e institucións xudiciais.

O Globo tamén informou de que nas pancartas dalgúns manifestantes se podían ler peticións de intervención militar das institucións. Ao mesmo tempo, en São Paulo a Policía Militar dispersaba con gases lacrimóxenos unha concentración en contra do Goberno. Varios sectores das afeccións dalgúns clubs de fútbol da cidade, como o Corinthians ou o Palmeiras, facían parte da marcha, autodenominada "prodemocracia e antifascista" polos convocantes.

Ademais, informou a Folha, o decano do Supremo brasileiro, Celso de Mello, comparou o país coa Alemaña de Hitler: "Guardadas as devidas proporções, o ovo da serpente, à semelhança do que ocorreu na República de Weimar (1919-1933), parece estar prestes a eclodir no Brasil", dixo nunha mensaxe enviada aos demais maxistrados do tribunal onde alerta dunha "intervenção militar".

Desaprobación

De acordo cunha recente enquisa da firma Datafolha, só 27% das persoas entrevistadas aproba a xestión de Bolsonaro ante a pandemia. 50% cualifícaa como mala ou pésima e 22%, regular.

comentarios