MARCHAS CONTRA DILMA E LULA

A dereita brasileira aumenta os ataques contra o PT

Intensifícase a campaña da dereita brasileira contra a presidenta Dilma Rousseff e o ex mandatario Lula Da Silva no marco da campaña que persegue danar a imaxe de ambos os dous. Este domingo están convocadas marchas contra o PT en case 500 cidades do país.

Dilma Rousseff primeira volta

Un total de 483 cidades do Brasil acollerán na xornada do domingo manifestacións coas que esixirán a renuncia de Dilma Rousseff. A oposición espera reunir máis de un millón de persoas para cargar contra o Partido dos Trabalhadores, que vén sufrindo nos últimos meses unha campaña de acoso por parte da dereita. A maior mobilización terá lugar en Sao Paulo, principal bastión dos contrarios ao PT.

A oposición incrementou os protestos após o ex presidente, Lula Da Silva, for acusado por suposto branqueo de capitais, unha acusación cuestionada polo PT, que advirte de que a operación carece de base xurídica. Precisamente, esta acusación saíu á luz cando o ex mandatario, que conta cunha ampla base social que o apoia, expresou o seu desexo de postularse como aspirante á presidencia.

A comisión parlamentar brasileira encargada da investigación da corrupción en Petrobras eximiu Rousseff e Da Silva de toda responsabilidade

Diante dos protestos, a presidenta apelou ao pacifismo, “fago un chamamento para que non haxa violencia. Considero que todas as persoas teñen dereito a saír á rúa. Agora, ninguén ten dereito a crear violencia”.

Desde que saíu á luz pública o caso de corrupción en Petrobras, a petroleira estatal, a oposición pretende vincular o PT neste caso para solicitar a destitución de Dilma. O xornalista e sociólogo brasileiro Laurindo Leal advirte de que a dereita está inmersa nunha campaña para sacar do poder o PT. A comisión parlamentar brasileira encargada da investigación da corrupción en Petrobras eximiu Rousseff e Da Silva de toda responsabilidade, pois non achou probas na súa contra.

Comentarios