xoves 24/09/20

Denuncian varios altos cargos do Goberno de Macri pola morte de Santiago Maldonado

En agosto de 2017, a morte de Santiago Maldonado despois da manifestación dunha comunidade mapuche en Chubut, na Patagonia arxentina, provocou mobilizacións en todo o país. A autopsia oficial e a xustiza desbotaron a teoría da desaparición forzada, mais agora un informe policial interno condena a represión daquel acto.
A desaparición de Maldonado levou a multitudinarias mobilizacións coincidindo coas eleccións de 2017 (Europa Press)
A desaparición de Maldonado levou a multitudinarias mobilizacións coincidindo coas eleccións de 2017 (Europa Press)

"Imprudencia, inoportunidade, impericia e ineficacia". Así cualifica o informe interno da Xendarmería Nacional da Arxentina o operativo para sufocar unha protesta de indíxenas mapuches que exixían a liberación dun seu líder e que acabou coa desaparición e morte do activista de 28 anos Santiago Maldonado.

O 17 de outubro de 2017 ─cinco días antes das eleccións lexislativas, con vitoria para a coalición Cambiemos do presidente Mauricio Macri─, o cadáver de Maldonado apareceu no río Chubut, a 300 metros curso arriba de onde as testemuñas o viran por derradeira vez. Fora o 1 de agosto, pouco antes do inicio do peculiar proceso electoral arxentino coas PASO (Primarias Abertas Simultáneas Obrigatorias, de onde saen os candidatos). 

Maldonado participara ese día na protesta en Cushamen (Chubut), o departamento onde se localiza a comunidade mapuche Pu Lof. Desde 2015 ocupan alí terreos, comprados polo empresario italiano Luciano Benetton, que reclaman como propios.

Orixinario da provincia de Buenos Aires, chegara desde a veciña El Bolsón (Río Negro), onde residía desde había poucos meses e traballaba como tatuador. El Bolsón é coñecida no país e en toda a rexión polo estilo de vida alternativo dos seus habitantes. Maldonado acudiu en solidariedade coa comunidade Pu Lof, que como en anteriores ocasións cortara a estrada que une Chubut con Chile, a ruta 40, no seu conflito co Grupo Benetton. Exixían daquela a liberación do seu longko (líder), Facundo Jones Huala, detido en xuño e reclamado pola xustiza chilena. 

"Desaparición forzada"

A acción pacífica foi fortemente reprimida. As testemuñas aseguraron ante a xustiza que Maldonado fora levado por axentes da policía. A familia defendeu sempre a teoría da desaparición forzada e que o corpo fora colocado no río. Porén, a autopsia desbotou as torturas e concluíu que o falecemento se dera por "afogamento e hipotermia" e que "o corpo permanecera sempre baixo a auga". 

A xunta médica responsábel da autopsia estaba conformada por 55 expertos, entre estes peritos da familia Maldonado. Non obstante, a avogada desta, Verónica Heredia, sinalara na altura que "non podemos concluír cando faleceu" e reclamara unha investigación "imparcial e independente" que "non inclúa as forzas de seguridade sospeitadas". 

A morte produciuse no contexto "dunha represión da Xendarmaría" onde "houbo violencia institucional", sostivo a familia en todo momento, e a través dun comunicado pedira "unha nova etapa na investigación" e a concreción de "medidas indispensábeis para achar a verdade e lograr identificar todos os responsábeis da desaparición e morte de Santiago".

"Desproporcionalidade"

"As accións represivas de 2017 careceron de proporcionalidade e de racionalidade para o inicio dun operativo de despexe, que só se levou a cabo por vontade política", sinala agora o informe interno, de máis de 600 páxinas, elaborado pola Xendarmería.

Con base nestes datos, o actual Executivo denunciou nas últimas horas ante a xustiza federal a Pablo Noceti, ex xefe de gabinete do Ministerio de Seguridade durante o Goberno de Macri, presente no lugar durante o operativo. Tamén foron denunciados o ex director nacional da Xendarmería Gerardo Otero e o seu 'número dous', Ernesto Óscar Robino ─ambos os dous retirados na actualidade─.

A investigación interna, encargada pola actual ministra de Seguridade, Sabina Frederic, e que durou varios meses, sostén que Nocetti deu a orde para o ingreso de catro escuadróns da Xendarmería á comunidade de Cushamen. A súa antecesora no cargo, Patricia Bullrich, negárao nas semanas posteriores ao suceso. 

Pola súa banda, Noceti ─ex avogado de varios militares e policías implicados en casos de torturas durante a ditadura─ defendía un día despois da desaparición de Maldonado en entrevistas a radios da rexión a contundencia do operativo. O obxectivo, dicía: "acabar co RAM", a "Resistencia Ancestral Mapuche", a suposta banda armada "terrorista" que diferentes organizacións consideran unha invención dos servizos de intelixencia do Estado para criminalizar o movemento mapuche.

comentarios