A democracia do Ecuador "está a ser atacada"

A Internacional Progresista denuncia o risco dun "golpe" de Lenín Moreno.
EuropaPress_3552426_07_february_2021_ecuador_quito_voter_casts_her_vote_into_ballot_box_during
photo_camera Unha muller vota na xornada electoral do pasado 7 de febreiro (Foto: Juan Diego Moreno / dpa)

"O 7 de febreiro, o pobo do Ecuador exerceu o seu dereito constitucional a elixir un novo presidente, vicepresidente e Asemblea Nacional. Os resultados foron claros: unha gran vitoria en primeira volta para Andrés Arauz, Carlos Rabascall e a súa Unión pola Esperanza (UNES)", comeza o comunicado emitido pola Internacional Progresista, organización global de esquerdas, lanzada por The Sanders Institute e DiEM25, cuxos responsábeis son o estadounidense Bernie Sanders e o grego Yanis Varoufakis.

O ministro de Finanzas heleno entre xaneiro e xullo de 2015 é precisamente un dos asinantes do texto, que tamén subscriben intelectuais como Noam Chomsky, Adolfo Pérez Esquivel ou Slavoj Žižek, ademais de políticos e activistas a nivel individual e organizacións de todo o mundo.

"Agora, estase a producir unha reacción violenta contra a democracia. As forzas reaccionarias ─tanto dentro de Ecuador como en todo o hemisferio─ están a dirixir unha campaña sucia e deshonesta para eliminar a Arauz, atrasar as eleccións e previr a formación dun bloque progresista, indíxena e feminista", denuncian no escrito. 

O propio Arauz, dauphin do ex presidente Rafael Correa, denunciou esta mesma semana  unha tentativa de atrasar a segunda volta das eleccións, logo de a Fiscalía dar a coñecer que pretende recoller o contido dixital da base de datos que administra o sistema informático electoral co fin de facer unha auditoría deste dispositivo.

Reminiscencias de Bolivia

Para a Internacional Progresista "non hai ningunha evidencia de fraude" que "xustifique" un reconto de votos. E advirten: "Vimos as consecuencias das denuncias de fraude infundadas no golpe contra Evo Morales en novembro de 2019 e dicímoslle ao CNE [Consello Nacional Electoral ecuatoriano], á OEA [Organización de Estados Americanos] e ao Departamento de Estado dos EUA: estamos vixilantes".

E poñen un nome sobre a mesa: "Facemos soar a alarma: o Goberno de Lenín Moreno [actual presidente do Ecuador] está a preparar un golpe en contra da democracia".

Por outra banda, cargan contra a "campaña sucia" desde Colombia, onde a revista Semana publicou que a Internacional Progresista facilitara un préstamo entre as forzas guerrilleiras do ELN en Colombia e a campaña de Arauz.

Comentarios